Novo colapso do servizo de urxencias do Hospital da Coruña
A comisión de centro denuncia que o servizo de urxencias do Hospital da Coruña está de novo colapsado, o que levou a apertura dun corredor fóra do servizo de urxencias. "A situación é desbordante, nestas condicións non se pode garantir unha calidade asistencial nin de seguridade ás e aos pacientes", advirte Lucía Peón Soutiño, secretaria da comisión e responsábel de CIG-Saúde da Coruña.
O órgano de representación sinala que hai máis de 54 doentes sen cama asignada no servizo, o que leva a que estea completamente colapsado. "Levamos semanas nas que se non se cubren todas as presenzas do persoal necesarias, dando lugar a que o persoal do servizo teña que soportar traballar nunhas condicións deplorábeis, cunha carga psicolóxica e física insostíbel", advirte.
Porén, critican que a Xerencia continúa mirando para outro lado, e a pesar de que o colapso nas urxencias é continuo, "seguen sen poñer unha solución enriba da mesa, nin elaborar un plan para evitar que se chegue a este punto e solucionalo de forma áxil cando acontece".
Diante disto, a Comisión esíxelle á Xerencia que, dunha vez, "faga un esforzo para solucionar o problema crónico de colapso do servizo de urxencias do HUAC".