Novo anuncio "propagandístico" do Concello de Vigo sobre as ofertas de emprego público
A sección sindical da CIG no Concello de Vigo saíu hoxe ao paso dun novo “anuncio propagandístico” do Goberno local a respecto do emprego público, despois de que o dese conta no día de onte da aprobación das bases para as prazas das ofertas dos anos 2020-2021-2022. Dende a central lembran que as bases da convocatoria das prazas de bombeiros correspondentes ás ofertas destes mesmos anos foron aprobadas hai sete meses “pero a día de hoxe nin se abriu o prazo de solicitudes”.
Por iso a CIG censura que o propio alcalde comparecese diante dos medios de comunicación para explicar a decisión da Xunta de Goberno Local “no seu ton habitual, do que pode deducirse que se trata dun caso extraordinario e único, resultado dunha xestión impoluta, e que a convocatoria será inminente”.
Mais para a central sindical trátase dunha nova “manipulación da realidade, pois a experiencia nestas cuestións é a que é”. E pon como exemplo o que acontece coas bases da convocatoria das prazas de bombeiro correspondentes ás ofertas destes mesmos anos, que foron aprobadas na XGL o pasado 19 de xaneiro, “e que a día de hoxe, sete meses despois, aínda non se abriu nin o prazo de solicitudes, nin se sabe cando se vai abrir”.
Neste senso, lembra que a propia lei determina que as ofertas de emprego deben de executarse nun prazo máximo de tres anos, “polo que alguén debera de lembrarlle ao alcalde o ano 2024 vai camiño de rematar e o proceso aínda está na súa fase inicial”. Ao tempo que sinala que hai traballadores/as interinos/as con cargo a estas prazas que se atopan a piques de cumprir os tres anos de máximo que marca a lexislación, polo que de non convocarse xa terían que irse ao paro”.
Problemática laboral
A sección sindical da CIG no Concello de Vigo leva anos reclamando que as convocatorias das ofertas de emprego se fagan dentro do ano, “por iso parécenos un insulto que se venda como boa xestión de persoal, cando a realidade é outra, como o demostran os datos”:
-Hai un total de 208 prazas pendentes de convocar correspondentes ás ofertas dos anos 2020-21-22 e 23, restadas as de policía, que van ao día desde que as oposicións se realizan na AGASP, polo que habería moitas máis prazas pendentes.
-A estas prazas vacantes hai que engadirlles as producidas por xubilacións durante o ano 2023, e as deste ano 2024.
-A todas estas vacantes hai que sumarlles as 95 convocadas na oferta extraordinaria de estabilización que está en proceso.
Esta “nefasta xestión” en materia de persoal tradúcese nunha elevada porcentaxe de vacantes que, entra outras problemáticas, provoca que o persoal en activo teña que desempeñar funcións que non lles corresponden; que se pechen servizos, como acontece de xeito habitual co parque de bombeiros; ou que a cidadanía teña que facer colas para ser atendida. “Como se pode considerar boa xestión que queden sen gastar un total de 53 millóns de euros das partidas de persoal nos últimos cinco anos? Estaría ben saber a que se dedican estes cartos”.