Convocadas novas mobilizacións para exixir salarios dignos para o persoal civil de Defensa
A CIG-Administración ten convocadas novas mobilizacións en Ferrol e Marín para o próximo 20 de maio, para reclamar salarios dignos para o persoal civil empregado no Ministerio de Defensa. En Ferrol farase unha manifestación que sairá do Arsenal Militar mentres que en Marín haberá unha concentración ás portas da Escola Naval. Ambas protestas comezarán ás 11:00 horas.
No caso de Ferrol, explica a representación da CIG, optouse pola convocatoria dunha manifestación ante o actual estado das obras do proxecto "Abrir Ferrol ao mar", que afectan ao lugar habitual das concentracións que se veñen realizando nos últimos meses. A marcha sairá da porta do Parque do Arsenal para dirixirse, pola rúa da Igrexa, até a porta do Dique, lugar onde rematará cunha concentración.
A central sindical anima ao conxunto do persoal civil empregado na Galiza a apoiar esta mobilizacións, “posto que afrontamos unha etapa determinante de cara a próximas reunións das Mesas de Negociación, nas que se debería ir perfilando unha posíbel solución a este conflito laboral” que, lembran, pretende rematar coa discriminación salarial entre o persoal que forma parte do mesmo ministerio, ao incrementar as retribucións do persoal militar, deixando excluída á parte civil.
A representación da CIG subliña que a solución xusta para este colectivo laboral pasa por acadar o mesmo que se fixo co persoal funcionario militar: un incremento de 2.800€ brutos anuais (ao que habería que engadirlle a suba salarial aprobada para o conxunto do persoal público do 4% correspondente a 2025 e 2026) consolidados no complemento específico do persoal funcionario e no complemento singular de posto do persoal laboral, mediante a modificación das súas Relacións de Postos de Traballo”.
Rexeitamento ao incremento do gasto militar
A CIG-Administración tamén aproveitará estas mobilizacións para rexeitar a decisión política do Goberno do Estado de continuar aumentando de maneira obscena o gasto público en Defensa, -da orde de 12000 millóns de euros no último ano-, “debido ás presións exercidas polo imperialismo dos EUA e da OTAN, empeñados na aposta por un escenario belicista internacional cunhas consecuencias evidentes que sofre a clase traballadora na perda de poder adquisitivo ante o elevado incremento do custo da vida”.
O desfile das Forzas Armadas previsto para o 30 de maio en Vigo encádrase nesta lóxica de exaltación do militarismo cun excesivo gasto do erario público “que podería ser utilizado para mellorar os nosos servizos públicos como sanidade ou ensino, ou para mellorar a calidade salarial dun colectivo como o persoal civil público de Defensa”.
Neste senso, a CIG fai un chamamento a participar na manifestación que a Plataforma Galiza pola Paz ten convocada en Vigo para o sábado 30 de maio, que sairá ás 12 horas de Vía Norte baixo o lema “Nin guerra, nin OTAN, nin gastos militares. Paz e soberanía”.