Novas mobilizacións na Mariña contra a reforma da Lei de Saúde

Burela - 04 Out 2017

Como cada mércores, esta mañá houbo concentracións en todos os centros de saúde da Mariña e no Hospital da Costa en protesta pola modificación da Lei de Saúde de Galiza “que pretende exterminar a nosa área sanitaria”. Dende a Xunta de Persoal fixeron un chamamento a toda a cidadanía a participar na manifestación convocada pola Plataforma en defensa da Sanidade da Mariña para mañá xoves, as 20horas diante do Hospital da Costa.

A Xunta de Persoal tamén alertou que de suprimirse a área sanitaria da Mariña “pasaremos a ser pacientes da área de Lugo, que cando nos citen en Lugo teremos que aceptar a cita e que as derivacións cara a cidade aumentarán considerabelmente”. No caso das/os profesionais, advertiron, “poderán obrigarnos a ir traballar a Lugo”.

 

Explicaron que a ampliación do hospital que está en marcha, tan só amplía espazo, pero non engade nin un só servizo a maiores dos xa existentes. “Ese espazo vai ser destinado a consultas porque ese é o deseño que teñen para este hospital, que pase a ser un consultorio. A resonancia magnética e os aparellos radiolóxicos para facer densitometrías óseas, placas dentais ou electromiogramas, que sempre dixeron que non podían traelos por falla de espazo, agora que se amplía, seguen sen traelos. Teñen negocio coas privadas de Lugo, polo que seguiremos tendo que ir a Lugo a facer as probas diagnósticas”, denunciou a Xunta de Persoal.