Novas fugas de persoal médico na Mariña, desta vez no servizo de Urxencias

Burela - 13 Abr 2023

A CIG-Saúde da Mariña denuncia novamente a alarmante fuga de persoal facultativo no Hospital da Mariña a causa da inasumíbel carga de traballo á que se ve sometido. Isto é provocado, apuntan, polo progresivo desaxuste entre a demanda asistencial e a dotación de persoal, que chega a dobrar e mesmo a triplicar os estándares recomendados pola sociedades científicas.

“As condicións son tan penosas e estresantes que logo dun curto tempo traballando séntense sobrepasados e buscan outros postos de traballo onde poidan desenvolverse coma profesionais, sentirse realizados, e escapar do sentimento de frustración que lles provoca traballar no Hospital da Mariña”, sinalan.

O sindicato nacionalista detalla a sangría de fugas recentes.

- 1 facultativo de Hospitalización a Domicilio (HADO) a mediados de febreiro.

- 2 facultativos do Servizo de Urxencias (un a finais de marzo e outro neste mesmo xoves).

- 1 médico especialista en neuroloxía (a finais de xaneiro).

- Varios facultativos de Medicina Interna en xuño, en novembro e decembro de 2022, unha das prazas segue sen cubrirse a día de hoxe (dende finais de decembro pasado) "xa que ninguén quere vir traballar ao Hospital da Mariña".

Consecuencias para os profesionais: estrés permanente.

As consecuencias destas políticas, advirte a CIG-Saúde, é que as/os profesionais non poden cubrir as necesidades básicas. "O nivel de tensión dispárese. E nestas circunstancias ponse a proba a capacidade de resistencia psicolóxica da persoa implicada”, alertan. De feito, os expertos/as advirten do perigo de vivir sometido/a a niveis elevados de tensións, pero, sobre todo, do perigo de que esta situación perdure no tempo.

“É evidente a relación que existe entre a tensión intensa e duradeira no tempo con problemas diversos de saúde, tanto físicos como mentais, tales como dificultades para durmir, irritabilidade, ansiedade, depresión, dermatite, problemas dixestivos, cardíacos, etc.”, explican desde CIG Saúde A Mariña.

 

Todo o anterior remata en baixas derivadas da sobrecarga de traballo que ao non ser cubertas xeran unha situación na que menos profesionais teñen que asumir toda a carga de traballo entrando deste xeito nunha espiral sen saída. Isto implica unha saturación do sistema, máis listas de agarda e unha mingua da calidade asistencial que afecta finalmente ás e aos pacientes.

Solución ou dimisión

Diante disto, a CIG-Saúde da Mariña exíxelle á directora do Distrito Sanitario da Mariña, María José Cortés Canay, que exerza as súas competencias e que dote dos recursos necesarios para garantir unha atención médica de proximidade, "e de non ser capaz de defender a atención sanitaria da veciñanza da Mariña que presente a súa dimisión".

A central nacionalista considera que debe primarse o dereito da cidadanía a recibir unha atención sanitaria de calidade pública. Con este obxectivo subliña que “a CIG Saúde da Mariña estivo, está e estará na defensa da sanidade pública, dos dereitos das traballadoras e traballadores, do dereito dos veciños e veciñas da Mariña a contar con servizos médicos de calidade tanto no hospital como nos centros de saúde da comarca”. E anuncia que non permitirán “ningún recorte máis nos servizos públicos e no benestar social da poboación por parte do Partido Popular”.