Nova xornada de protestas nas residencias Abeiro Gold de Lugo e DomusVi de Viveiro
As traballadoras e os traballadoras das residencias Abeiro Gold de Lugo e DomusVi de Viveiro continuaron este xoves co calendario de mobilizacións para denunciar, no primeiro caso, a represión sindical materializada no despedimento dun traballador que foi candidato pola CIG nas eleccións sindicais; e no segundo, en rexeitamento á imposición duns calendarios laborais irracionais e esgotadores.
Caravana de vehículos contra a represión sindical en Abeiro Gold
En Lugo, a CIG realizou unha caravana de vehículos para esixir da dirección de Abeiro Gold que reincorpore o traballador despedido e que cese de inmediato na súa política de persecución contra o persoal. A empresa, explica Carme Antas, da CIG-Servizos, ten unha "guerra aberta contra a CIG" dende que a central nacionalista sacou maioría absoluta nas eleccións sindicais, "a pesares das manobras da empresa para evitar que obtiveramos representación".
Dende a elección do comité, Abeiro Gold viuse na obriga de recoñecer ao cadro de persoal os dereitos do convenio "que antes incumpría reiteradamente: carteleiras anuais, dar licencias retribuídas como os seis días de asuntos propios, etc., polo que a dirección estalle botando un pulso á CIG por defender as condicións laborais do persoal da residencia", explica.
Calendarios "absolutamente irracionais"
Pola súa banda, as traballadoras e traballadores da residencia de Viveiro, xestionada por DomusVi (unha das grandes compañías do sector) volvéronse concentrar diante do centro en rexeitamento aos calendarios que impuxo a empresa, sen ningún tipo de negociación e que resultan absolutamente abusivos.
Así, a dirección pretende que o persoal traballe oito días seguidos sen descanso ou, noutros casos, quince días cun único día de descanso. Este ritmo de traballo resulta inhumano, "tendo en conta que o esforzo que supoñen as tarefas que realizan e que o cadro de persoal está no mínimo", subliña Susana Riveira, da CIG da Mariña.
"Para facer máis negocio, a empresa reduce ao máximo posíbel o número de traballadoras e traballadores e logo esprémeas para poder prestar o servizo", denuncia. Diante desta situación, o persoal acordou iniciar un calendario de mobilizacións que continuará cunha nova proposta o vindeiro día 30.