Nova xornada de protestas na sanidade para esixir unha carreira profesional xusta
Por cuarto xoves consecutivo, traballadores e traballadoras da sanidade pública mobilizáronse nas distintas áreas en rexeitamento "á carreira profesional da discriminación" que quere impor o SERGAS. As protestas enmárcanse no calendario de mobilizacións convocado pola CIG-Saúde para esixir unha negociación real da carreira profesional.
Neste senso, a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, sinalou que a central sindical continuará durante o mes de maio coas accións reivindicativas até lograr desbloquear a negociación e obrigar ao SERGAS a sentar a negociar un acordo sobre a carreira profesional xusto. Denuncia que o modelo que pretende impor a Consellaría non recoñece a antigüidade das/os profesionais, deixa fóra a todo o persoal temporal (que xa é o máis precarizado) e non permite acceder ao grao que lle corresponde ao persoal de promoción interna.
Ademais, a negociación prodúcese no contexto da taxa de reposición, pactada cos sindicatos estatais e co voto en contra da CIG, que impide a consolidación do persoal como persoal fixo. "Esta é a carreira profesional da discriminación, que castiga os colectivos con menor retribución e con maior precariedade laboral no SERGAS", denuncia Abuín.
Recuperación de todos os acordos suspendidos
Xunto á negociación da carreira profesional, a CIG-Saúde reclámalle ao SERGAS o cumprimento dos acordos asinados na mesa sectorial e suspendidos desde o ano 2010, como o acordo retributivo 2008/2012 (Que contempla unha suba salarial para todas as categorías, e un incremento da atención continuada) ou o acordo retributivo de PACs
Precisamente, adiantou a secretaria nacional da CIG-Saúde, na xornada de mañá, venres, traballadores e traballadoras dos PACs van realizar unha mobilización diante do edificio do SERGAS en Compostela, con motivo da xuntanza da comisión técnica creada para abordar a táboa reivindicativa deste colectivo de profesionais. Unha plataforma que contempla 11 puntos, todas eles relacionados co cumprimento do pacto de 2008 e que, na súa maioría, teñen a ver coas condicións de traballo.