Nova xornada de protestas na refinería de Repsol contra os recortes de persoal e a falta de investimentos
Traballadores e traballadoras da refinería da Coruña continuaron este luns co calendario de mobilizacións en resposta aos recortes de persoal na unidade de Coque e para reclamarlle a Repsol un plan de investimentos no complexo industrial que garanta o emprego, a seguridade e un proceso de transición xusto.
Esta é a cuarta protesta que o persoal desenvolve tras o anuncio da empresa de reducir unha persoa por quenda na unidade de Coque, sen achegar xustificación técnica deste decisión nin explicar como ten previsto organizar o traballo, tendo en conta as operacións críticas que se realizan nesta zona.
A sección sindical da CIG advirte que reducir os efectivos nunha unidade na que actualmente xa existe unha sobrecarga inasumíbel, supón un risco directo para a seguridade operativa e a integridade de todos e todas as traballadoras.
Nas alegacións presentadas este mesmo luns, a representación da CIG solicitoulle á empresa que paralice a modificación da estrutura eliminando seis postos en Coque, xa que pon en perigo a seguridade do complexo e das persoas. Denuncian que Repsol pretenda xustificar que un traballo que antes realizaban catro persoas, agora poidan realizado tres sen que isto supoña un aumento da carga de traballo.
E neste senso, critican que a ‘transformación cara á sustentabilidade’ que alega a empresa “se limita exclusivamente a un aforro de seis salarios, sen achegar ningunha mellora operativa que xustifique a redución”. Por iso, para a sección sindical da CIG a proposta de Repsol “non responde a unha mellora organizativa, senón a unha decisión económica que ignora a seguridade dos procesos e das persoas”.
Neste contexto, a CIG reclámanlle a Repsol a retirada da medida, un plan industrial inmediato, público e con garantías, con investimentos reais na refinería da Coruña e un proceso de transición enerxética xusta “que non sexa unha escusa para precarizar e destruír postos de traballo”.