Nova xornada de protestas en Abeiro Gold para esixir a readmisión dunha traballadora
Seguindo o calendario previsto, a CIG realizou unha nova concentración diante da residencia da terceira idade que Abeiro Gold ten en Lugo para esixir a readmisión dunha traballadora despedida de maneira arbitraria e reclamar o cese da persecución que a empresa está a realizar coa representación da central sindical e o persoal que reivindica os seus dereitos.
Para a CIG-Servizos este despedimento responde a unha represalia da empresa contra a traballadora que foi única do colectivo de limpadoras que durante unha asemblea defendeu os seus dereitos laborais e denunciou en público as irregularidades que se dan na residencia. Neste senso, Carme Antas xa advertiu que a CIG denunciará ante a Inspección de Traballo "os reiterados incumprimentos do convenio colectivo así como o fraude na contratación nesta empresa".
Antas explicou que a dirección de Abeiro Gold ten unha "guerra aberta contra a CIG" dende que a central nacionalista sacou maioría absoluta nas eleccións sindicais na residencia, "a pesares das manobras da empresa para evitar que obtiveramos representación". Por iso, critica que a dirección estea máis preocupada en botar un pulso á CIG "que en corrixir as múltiples irregularidades nas que está funcionando o centro".
Así as cousas, as mobilizacións continuarán cada semana até que se readmita a traballadora.