Nova xornada de protestas contra os recortes de persoal no CC Marineda City
Este venres continuaron as mobilizacións no Centro Comercial Marineda City en contra dos recortes no servizo de seguridade, co único obxectivo de aforrar cartos a conta de destruír emprego e sobrecargar de traballo o persoal que queda. Esta redución de traballadores e traballadoras afecta ademais a outros servizos, como o persoal auxiliar ou o punto de información.
A sección sindical da CIG en Prosegur -que ten adxudicado o servizo de seguridade- critica que, baixo a escusa da pandemia, xa se eliminaran catro postos de traballo e no mes de febreiro produciuse un novo recorte, desta volta coa escusa do elevado prezo da electricidade e o medre da inflación. Explican que hai dous anos, na quenda de mañá había catro vixilantes máis no complexo comercial que os que hai agora. E das tres persoas que quedan, dúas son mandos intermedios.
Este recorte de traballadores/as coincide cun aumento da carga de traballo e coa redución de efectivos aplicada por algúns establecementos comerciais que teñen contratado o seu propio servizo de seguridade. A representación social tentou abrir negociacións coa xerencia do Marineda para corrixir este déficit e garantir un número acaído de persoal, pero a resposta foron novas ameazas de recortes coa coartada da situación de crise. Pero, salientan, "dáse a coincidencia de que o xestora do complexo vén de subir un 6.5% o prezo dos alugueiros dos locais comerciais".
A sección sindical da CIG rexeita tamén o xeito en que Prosegur aplicou os recortes ordenados pola xerencia do centro comercial, posto que nin informou nin convocou ao comité previamente, como é perceptivo. Unha actuación que xa foi denunciada na Inspección de Traballo.