Nova xornada de protestas contra a excesiva carga de traballo e a discriminación das mulleres en Abanca
O conflito en Abanca continúa. Un grupo de delegados/as da CIG na entidade de capital venezolano percorreron as rúas da cidade de Ourense este xoves 4 de abril, concentrándose diante de sete oficinas en protesta pola política comercial da entidade, nomeadamente contra os obxectivos de colocacións de produtos financeiros que a clientela non reclama e para demandar a igualdade entre mulleres e homes.
Ás 10 da maña comezaba, no barrio do Couto de Ourense, unha nova protesta da CIG-Abanca contra a política comercial -que consideran abusiva, raiando a mala praxe- e laboral. Curiosamente, a empresa convocou o mesmo día e á mesma hora a constitución do comité de prevención, do que pretenden excluír a CIG.
Os representantes sindicais desprazáronse por distintos barrios e rúas da cidade, concentrándose diante das oficinas de Abanca, e rematando a sonora protesta no centro de Ourense, coincidindo co peche das sucursais.
Desigualdade salarial e teito de cristal
Durante as concentracións tomou a palabra a delegada Paula Mosquera, traballadora de Abanca en Lugo e representante da CIG na comisión de igualdade. Na súa intervención criticou que “as mulleres somos o 51% do cadro de persoal, pero un 91% dos xefes/as de zona son homes, un 71% dos postos de dirección son homes; e logo os postos máis baixos, con menores salarios e complementos e con maior carga de traballo, están cubertos maioritariamente por mulleres (subdireccións 64% e postos de xestión comercial 61%)”. Diante disto, criticou que a empresa se negue a tomar medidas.
Ademais da discriminación salarial (11.173 euros menos ao ano de media) e o teito de cristal, denunciou os problemas de conciliación derivados da sobrecarga de traballo. “Ás persoas que reducen xornada por coidado de fillas/os, maioritariamente mulleres, Abanca báixalles o salario pero mantén a carga de traballo, o que se traduce en ter que incrementar o ritmo e rematar facendo horas extras que o banco non paga”.
Mala praxe comercial
Denunciaron tamén que Abanca está incorrendo en mala praxe comercial, abusando do seu persoal. “Asigna obxectivos comerciais, incluso de produtos complexos (aqueles nos que a clientela pode perder parte do capital), e presiona o persoal para que os cumpra”.
Para a CIG isto entra en contradición coa directiva comunitaria que protexe a clientela dos bancos prohibindo os obxectivos comerciais de produtos complexos. Incluso “hai despedimentos por non cumprir obxectivo, que a empresa recoñece como improcedentes e non comunica aos comités, pero que o cadro de persoal coñece, xa que se trata de meter medo”, sinalan dende a CIG.
“Hai persoas que acoden ao traballo medicadas para afrontar as longas xornadas laborais (o banco non paga as horas extras), e o peor é que incluso sucede con persoas de 30 anos; ese modelo comercial agresivo e depredador non é sostíbel.”
Dereito á desconexión dixital
A CIG segue a reclamar que Abanca negocie a desconexión dixital á que obriga a lexislación, toda vez que “facilita ferramentas informáticas operativas os 365 días do ano e as 24 horas do día, e pretende que o persoal estea dispoñíbel para atender tanto á clientela coma á propia dirección”, censuran.
Finalmente, anuncian que o conflito xa ten unha nova data de referencia, xa que o vindeiro 25 de abril desenvolverán unha nova rolda de protestas, nesta ocasión en Santiago de Compostela.