Nova xornada de protestas contra a represión sindical e os abusos laborais en Cafeterías Herculinas
O pasado venres a CIG-Servizos continuou as mobilizacións para esixir a readmisión da traballadora de Cafeterías Herculinas despedida tras reclamar os seus dereitos e encabezar a candidatura da central sindical ás eleccións. A protesta, como vén sendo habitual, desenvolveuse na Praza de Lugo da Coruña, onde están dous dos establecementos de Cafeterías Herculinas: Central Park e Roots. A empresa tamén é a propietaria de Eme Taberna Contemporánea, onde era camareira a traballadora despedida.
Con estas protestas, que se veñen repetindo cada semana dende hai meses, ademais da readmisión da traballadora, quérense denunciar os abusos patronais, esixir que se cumpra co convenio colectivo, e que se respecte a liberdade sindical e os dereitos laborais e salariais do persoal.
Nón compre esquecer que a traballadora afectada tivo que acudir ao xulgado para poder exercer o seu dereito a conciliar e, xunto con outras compañeiras e compañeiros, comezou a presentar reclamacións na Inspección de Traballo para que a empresa lles regularizara os contratos e recoñecera as horas reais de traballo.
Esta infracotización afecta seriamente aos ingresos do persoal, especialmente nesta situación de restricións e entrada e saída continuada dos ERTE, xa que, como lembra a propia traballadora, Estefanía González, as prestación que se perciben no desemprego son inferiores ao que deberían, deixándoa nunha situación económica difícil.
De xeito paralelo ás denuncias na Inspección, Estefanía González promoveu eleccións sindicais ás concorreu na candidatura da CIG. En resposta, os propietarios de Cafeterías Herculinas lanzaron unha campaña de advertencias ao persoal e promoveron unha candidatura instrumental baixo as siglas da UGT para evitar que a CIG conseguira representación e que o persoal máis reivindicativo se puidese organizar.
Pero non só iso, senón que a empresa comezou unha campaña de acoso e intimidación á traballadora, abríndolle até catro expedientes sancionadores en menos de tres meses, cando nos dous anos que levaba de camareira en Eme Taberna nunha fora obxecto de apercibimento. A última sanción, con suspensión de emprego e soldo de 30 días, foille comunicada cando estaba de baixa, precisamente a causa da ansiedade xerada polo acoso patronal. Finalmente, o 5 de novembro chégalle a carta de despedimento disciplinario.
Tanto o despedimento como as sancións están recorridas, pero neste momento aínda non está fixada a data de xuízo. Así as cousas, as protestas continuarán para denunciar publicamente este caso claro de represalia contra a traballadora por ter reclamado o que lexitimamente lle corresponde, e que ademais pretende ser unha medida exemplarizante para o resto do persoal.