Nova xornada de paros e mobilizacións do persoal de Universal Support por unhas condicións dignas
Os traballadores e as traballadoras da Superlínea Santander (que presta a empresa Universal Support) seguiron este luns co calendario de folgas e concentracións para esixir condicións laborais dignas e que se respecten os seus dereitos. Este luns, o persoal trasladou as protestas á oficina principal do Santander na Coruña (no Obelisco) para reclamar a implicación do banco, tendo en conta que é á súa clientela a quen lle están prestando servizos.
A folga está rexistrando un amplo seguimento, ten unha duración de dúas horas por quenda de traballo (de 11 a 13h e de 17 a 19h) e repetirase o próximo luns, día 18 de outubro, no mesmo horario. Para ese día tamén hai convocada concentración ás 11:30 horas, na oficina do Santander no Obelisco.
A pasada semana tivo lugar unha mediación no AGA instada pola empresa, pero na que non se produciu ningún avance pola negativa da dirección a aceptar ningunha das demandas da parte social. Ao contrario, denuncia a sección sindical da CIG, “acudiron á mediación cunha oferta peor que a que xa nos presentaran, e cando o comité expuxo a súa proposta de cinco puntos, ao abordar o segundo, a empresa levantouse e abandonou a negociación".
Nun sector cun convenio tan cativo como o dos centros de chamadas, engaden, "o único que pedimos e ter unhas mínimas condicións dignas e que se respecte o dereito ao descanso". Neste senso, explican que na súa proposta o comité pide que o traballo nos festivos estatais sexa voluntario e que se cumpra coa sentenza que recolle a non obrigatoriedade do traballo en fin de semana porque o persoal xa ten unhas condicións máis beneficiosas adquiridas.
Así mesmo, demandan unha formación adecuada e coas horas suficientes para poder ofrecer un servizo de axeitado, concretando un calendario de días de formación; e que se estableza un sistema de vacacións e de libranzas lóxico; a consolidación das ampliacións de xornada; ou o cese dos contratos temporais irregulares.
Porén, Universal Support (do Grupo Konecta) non só se pechou a negociar calquera destas demandas, senón que está coaccionando o persoal para que non secunde os paros e ameazando con trasladar o servizo de Bergondo a outro centro de traballo. Diante disto, o comité mantén o calendario de paros e mobilizacións en defensa dos dereitos do persoal.
Na xornada de hoxe quíxose levar o conflito ás portas do Santander para reclamar a súa implicación, pois o banco estase aproveitando da precarización laboral e salarial que lle supón a externalización dun servizo como a atención telefónica da súa clientela, malia que debería estar internalizado. Por iso unhas das consignas mais coreadas foi "Konecta explota, Santander culpábel".