Nova xornada de mobilizacións no BBVA contra os despedimentos e a precarización laboral
Traballadores e traballadoras do BBVA continuaron este mércores coas mobilizacións en rexeitamento ao ERE que a entidade quere aplicar e que en Galiza suporía o peche de 26 sucursais e a extinción de 122 empregos, entre despedimentos e baixas incentivadas. O mércores da próxima semana, 26 de maio, a CIG, xunto con ELA, LAB, SCAT, SEC e CGT teñen convocada unha xornada de folga no banco á que seguirán novos paros "se a entidade non recúa nas súas intencións".
Para o secretario da sección sindical da CIG, Miguel Fernández, resulta vergoñento que o BBVA formule este ERE amparándose nas facilidades introducidas pola reforma laboral do PP -que segue plenamente vixente-, que lle permite ás empresas aplicar un despedimento colectivo por unha baixada dos beneficios, aínda que non teñan perdas económicas. "Estamos falando dun banco que quere despedir a máis de 3000 persoas e precarizar as condicións de traballo cando no primeiro trimestre do ano tivo uns beneficios de 1200 millóns de euros", denuncia.
O banco non minorou a afectación dos axustes
A respecto das negociacións coa empresa, Fernández matiza que non se minorou o impacto destes novos axustes, pois o banco ten presentados tres expedientes colectivos (de extinción de empregos, de modificación substancial das condicións laborais e de mobilidade xeográfica) que afectan a un total de 3.798 persoas. "O número de traballadores/as afectados/as non se modificou, seguen sendo 3.798; simplemente pasan as persoas dun expediente a outro", salienta.
Deste xeito, na reunión deste martes, o BBVA falou de sacar 117 persoas do ERE para pasalas á banca a distancia, incluíndoas así no expediente de modificación substancial das condicións de traballo (cambio de horarios, xornada etc.).
Sobre o mobilidade xeográfica, Fernández indica que "a día de hoxe a empresa aínda non nos concretou que afectación ten, polo que podería incluír a todos os traballadores e traballadoras", advirte. E no relativo ás indemnizacións "a suba que propuxeron é tan ridícula que non prima en absoluto a suposta voluntariedade das saídas".
O representante da CIG critica que a entidade en ningún momento quixo entrar a valorar a retirada do expediente de despedimentos "e iniciar un proceso de prexubilacións (ao igual que outros bancos do sector), suspensións de contratos voluntarias con retorno garantido, nin ningunha outra alternativa".
A folga, a resposta necesaria
Por iso, Fernández chama a todos os traballadores e traballadoras da entidade a secundar masivamente a folga convocada para o día 26 en defensa do emprego e das condicións laborais e pola prestación de servizos de calidade á clientela. "Temos que responder con toda a contundencia para conseguir que a empresa retire este ERE salvaxe que non ten causa. Non nos queda outro remedio que defendernos", aseverou.
Nesta liña, reiterou que resulta "un verdadeiro escándalo que mentres o BBVA continúa obtendo miles de millóns de beneficios, e presumen diso na Xunta de accionistas e alardean de estar á cabeza en rendibilidade, aumento de clientela etc. e, ademais, a alta dirección cobra soldos e pensións de escándalo, planeen despedimentos masivos para o cadro de persoal. Algo que non podemos admitir".
Ante a reconversión salvaxe que está a sufrir o sector financeiro, a CIG aposta pola acción de todos os traballadores e traballadoras do sector para frear os despedimentos e a precarización laboral; así como para reclamar do goberno español que actúe dunha vez, "empezando pola derrogación das reformas laborais que permiten ERE en empresas con beneficios multimillonarios, investigando a existencia dun posíbel cartel e para que se garantan os dereitos da poboación aos servizos financeiros".