Nova xornada de mobilizacións en defensa da área sanitaria da Mariña
Este mércores, traballadoras/es da sanidade e usuarios/as volveron mobilizarse no Hospital da Costa e nos centros sanitarios da comarca da Mariña para esixir a retirada do anteproxecto de lei “que pretende borrarnos do mapa como área sanitaria”. Durante as protestas, a xunta de persoal volveu reclamar a capacidade de xestionar dende a comarca tanto os centros de saúde como o hospital “para deste xeito ofrecer unha prestación de proximidade”.
O órgano de representación denuncia que coa modificación da Lei de Saúde o que pretende a Xunta “é legalizar a mobilidade de profesionais cara o HULA e centralizar no gran hospital as intervencións cirúrxicas e as probas diagnósticas”. Neste senso, rexeitaron enerxicamente pertencer a área de Lugo, xa que iso significará centralizar os recursos sanitarios na capital e incrementar os desprazamentos da cidadanía da Mariña.
“A Mariña precisa ser unha área propia, con decisión propia, tal e como o é a comarca de Ferrol”, aseverou o presidente do órgano, Adolfo Corral.
Retirada dunha faixa
Dende a Xunta de Persoal explicaron tamén aos/ás asistentes que a pasada semana a equipa directiva do Hospital ordenou confiscar a pancarta que penduraran na varanda no edificio en contra da supresión da área sanitaria. Unha medida que definiron “como un acto de represión sen precedentes na historia do Hospital da Costa e na de todo o SERGAS” e aseguraron que a faixa “non se vai mover do seu sitio até que retiren a modificación de dita lei”.
Contactos co Concello de Ribadeo
Así mesmo, deron conta das conversas mantidas coa concelleira de Asuntos Sociais mais co alcalde de Ribadeo, a quen se lles informou das consecuencias que ía ter a modificación da lei. Unhas consecuencias que pasan pola legalización da mobilidade forzosa de profesionais da sanidade da Mariña cara Lugo ou a centralización no HULA das actividades asistenciais que se viñan asumindo no Hospital da Costa, “cargando sobre a cidadanía da Mariña gastos innecesarios como desprazamentos, estancia, dietas, etc.”.
A este respecto, a xunta de persoal subliñou que as obras acometidas no hospital tan só amplían espazo físico, pero non se aumenta nin a carteira de servizos nin o cadro de profesionais, polo que a consideran “unha remodelación e non unha ampliación”. De feito, boa parte das actuacións están destinadas a un aparcadoiro, “previsibelmente de pago, tal e como fixeron no HULA e no Álvaro Cunqueiro”.
Porén, non se contempla un espazo “para a tan necesaria” resonancia magnética, nin para un ortopantógrafo ou densitometría ósea, non aumenta a zona cirúrxica, nin medra a UCI, “que nos últimos anos se atopa saturada de pacientes, tendo en ocasións que habilitar Habitacións-UCIs polas plantas”.
De igual xeito, denuncian que o servizo de oncoloxía “foi creado en precario e en precario segue, sen a tan necesaria enfermeiro/a de educación sanitaria e con médicos/as que todos os días teñen que desprazarse dende Lugo. Queremos un servizo de Oncoloxía con persoal médico contratadas na Mariña, que vivan na Mariña e a creación da consulta de enfermería oncolóxica.
Tamén abordaron o desmantelamento dos centros de saúde “que son dirixidos dende Lugo e nos que non se cobren as ausencias de médicos/as, enfermeiros/as, persoal administrativo e nos que, dende 2013, amortizaron prazas de todas as categorías sen ningún rubor”.
Desmantelamento da sanidade pública
O órgano de representación volveu reiterar que o obxectivo do PP con esta reforma é avanzar nas políticas de desmantelamento da sanidade pública -dando cabida á iniciativa privada-, provocar unha perda do número de camas e servizos nos hospitais comarcais, dificultar a accesibilidade aos servizos sanitarios, paralizar a reforma da atención primaria, reducir o número de traballadores/as e precarizar as súas condicións laborais.