Nova xornada de folga nas contratas de R contra o traslado de servizos e a perda de emprego

Traballadores/as de COMFICA e INDRA reclaman información clara sobre o seu futuro e que se manteñan os postos en Galiza
A Coruña - 31 Xul 2019

Os traballadores e as traballadoras de COMFICA e INDRA que prestan servizo de soporte telefónico para R na provincia da Coruña están este mércores novamente en  folga para esixir que se manteñan en Galiza os empregos que a empresa de telecomunicacións quere levar fóra. Lembran que a decisión de Euskaltel (propietaria de R) de deslocalizar servizos que agora se realizan dende á Coruña a outros territorios como Asturias ou Euskadi pon en perigo a continuidade de máis de mil postos de traballo na nosa terra.

Con motivo da folga, que ao igual que o paro da pasada semana está rexistrando un seguimento maioritario, o persoal realizou este mediodía unha concentración diante do edificio que R Cable ten no Polígono de Agrela, á que tamén se sumaron traballadores e traballadoras doutras contratas e da empresa principal. Pola tarde, ás 19:30 horas, está prevista outra mobilización diante do edificio principal de R na Rúa Real.

Reunión en Madrid

A folga ten lugar un día despois da reunión que mantiveron en Madrid a dirección de COMFICA e de Euskaltel para tratar o traslado dos servizos e o futuro dos empregos, que polo momento nin ten data concreta de efectivización. Miguel Gago, do comité de COMFICA, subliñou que nas reunións coa empresa, esta xa informou da perda de varios contratos con R a partir de outubro, que non vai recolocar ao persoal afectado (unhas 20 persoas) e que ZTE, a nova contrata, comunicou que non procederá á subrogación nin fará novas incorporacións porque conta con traballadores/as de seu.

Gago lamentou a falta de información clara e precisa tanto por parte de Euskaltel como por parte das contratas en todo este proceso, xa que este escurantismo só contribúe a xerar maior incerteza entre o persoal. Por iso, adiantou, as mobilizacións terán continuidade nas vindeiras semanas, mesmo con maior intensidade.

A representación social lembra que hai traballadores/as que levan preto de 20 anos realizando o mesmo traballo para R e que agora, pola decisión da empresa de levar os servizos cara a Asturias e Euzkadi ven perigar o seu emprego. Pero esta deslocalización non afecta só aos traballadores/as de COMFICA e INDRA, senón que tamén deixa no aire o futuro do persoal doutras contratas de operacións e mantemento, ou ao persoal de servizos de atención telefónica e enxeñaría, que aos poucos Euskatel está derivando fóra de Galiza. En total, Gago calcula que hai máis de mil postos de traballo en risco.

Implicación da Xunta

Por iso, ante a magnitude desta decisión empresarial, a CIG xa solicitou unha reunión coa Consellaría de Emprego, Economía e Industria para falar desta cuestión e esixir a implicación do Goberno galego de cara a evitar a perda de máis postos de traballo.