Nova xornada de folga en Atento contra a modificación "inxusta e inxustificábel" das condicións de traballo
A Sección Sindical da CIG censurou a actuación da empresa nesta última xuntanza, pois contra do acordado durante a primeria reunión por todas as partes, a empresa decidiu expulsar ao asesor da CIG, que só tiña voz pero non voto. A decisión de Atento obtivo o rexeitamento do conxunto da representación sindical. "Este é o modo no que Atento negocia, o que moitos e moitas xa coñecemenos, o que remata nos xulgados", critican.
En canto á modificación das condicións laborais formulada pola empresa, a práctica totalidade do persoal afectado ten redución de xornada e concreción horaria, e pasarían de estar na quenda de mañá a ter quenda partida. Polo que, na práctica "Atento está obrigando a estas traballadoras e traballadores a deixar o seu emprego, porque ou coidan das súas fillas e fillos ou acoden a traballar".
Neste senso, dende a Sección Sindical da CIG denuncian a "mala fe" da empresa durante as negociacións, "xa que só pretende desfacerse das xornadas reducidas, tendo burlar a lei".
A CIG acusa a Telefónica de xogar cos empregos, xa que mentres anuncia este recorte de horario de atención do 1004, está deslocalizando o servizo a Colombia. "As chamadas non desaparece, engaden, o que pasa é que son atendidas dende outros lugares".
A CIG pide a nulidade da actuación para a que non existe xustificación, pois unha vez máis estamos ante as consecuencias das políticas de deslocalización de Telefónica, "que destrúe emprego, pasa por riba dos dereitos dos traballadores e manexa o sector ao seu gusto co único obxectivo de incrementar os beneficios".