Nova volta no conflito con GFS: as empresas do Grupo Tojeiro cobren o pago dos salarios adebedados ao persoal

Ferrol - 11 Xul 2023

A CIG-Servizos de Ferrol vén de coñecer que as empresas do Grupo Tojeiro comezaron a abonar unhas cantidades ao persoal de GFS Security Group que lle presta os servizos de seguridade privada. Este é unha nova volta no conflito xerado pola empresa de seguridade ao entrar en quebra técnica e non poder afrontar o pago dos soldos aos seus traballadores e traballadoras. Porén, apunta a CIG-Servizos, non está claro que se abono corresponde aos impagos da anterior concesionaria (Prosetecnisa) ao ás nóminas do mes de maio que GFS non ingresou.

Este movemento resolve a situación económica máis urxente, "mais non o problema de fondo; a constante contratación de empresas de dubidosa solvencia por parte do Grupo Tojeiro".  Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos, advirte que os incumprimentos laborais seguirán agravándose mentes "Jaime Villares siga actuando de conseguidor de empresas para a compañía. De pouco serve cubrir as débedas da empresa pirata que contratas se a túa intención é seguir contratando este tipo de empresas cando esta desapareza".

Non hai que esquecer que as compañías que xestionaron o servizo de seguridade privada para Tojeiro nos últimos anos estiveron marcadas pola elevada conflitividade co persoal e polos problemas de liquidez que as obrigan a saír do contrato de maneira abrupta e deixando débedas salariais.

No resto de servizos que GFS ten no país as situacións son diferentes, habendo empresas que están a valorar a opción de pagar directamente os salarios atrasados mentres que outras non se formulan esta posibilidade, "abandonando máis aínda a súa sorte ao persoal que traballa nas súas instalacións".

 Por iso, a CIG-Servizos urxe a dar unha solución definitiva para o persoal de GFS, que pasa por "escoller empresas que acrediten solvencia (e que non precisen falsificar certificados para semellalo) antes de proceder á súa contratación, porque do contrario dentro duns meses atoparémonos na situación de ter o mesmo conflito que hai agora ou os que se tiveron no pasado coas anteriores empresas".