Nova protesta para esixir a readmisión do traballador de Ojea despedido por ir na candidatura da CIG
A CIG continuou este xoves coas mobilizacións para denunciar a represión sindical en autocares Ojea e reclamar a readmisión do traballador despedido por ir de candidato da CIG nas últimas eleccións sindicais celebradas na empresa. A central desenvolveu dúas concentracións consecutivas diante do garaxe da compañía e nos domicilios dos dous propietarios da empresa.
O responsábel da Unión Local do Porriño, Tano Guerra, acusou os donos de autobuses Ojea (os irmáns Carlos e Manuel Pino González e cuxos domicilios están no mesmo lugar que os talleres da empresa) de seren os culpábeis "da situación de acoso e persecución que padecen os traballadores e traballadores" e do despedimento do compañeiro que foi na candidatura da CIG ás eleccións sindicais. O sindicalista denuncia que os propietarios aínda gobernan a empresa "como hai 40 anos, coas máis rancias actitudes do vello caciquismo, tan presente aínda en tantos lugares de Galiza”.
"Non hai outra razón para o despedimento que o feito do traballador ir na lista da CIG e atreverse reclamar os atrasos pola antigüidade en vía xudicial", subliña Guerra. Neste senso, engade que o empregado despedido levaba case 18 anos prestando servizo neste empresa de autocares, cunha relación laboral "impecábel".
Persecución e acoso sistemático
Cómpre lembrar que a rescisión de contrato se produciu tras unha campaña previa de acoso laboral que afectou tamén a outro compañeiro do agora despedido que se presentara como candidato da central en anteriores procesos de eleccións sindicais, “o que amosa ben ás claras que se trata dun caso de represión sindical”. A persecución contra eles comezou unha vez rematadas as votacións, nas que foi elixido o candidato da UGT e no que o da CIG obtivo un terzo dos votos (a empresa conta cun cadro de persoal de 30 traballadores/as).
A empresa comezou por modificarlles os servizos que facían e retiralos das liñas regulares para que non tivesen posibilidade de cobrar o plus do 20% que lles corresponde aos condutores-preceptores.
Tamén decidiu mandalos para casa cada día unha vez rematada a súa función como condutores de autobuses escolares, cando o resto de compañeiros/as teñen que regresar ao taller, para non ter que abonarlles a comida. “Deste xeito redúcenlles as nóminas para que se cansen e opten por abandonar eles mesmos a empresa”.
Tras o acoso continuado e sistemático, a empresa despediu o traballador argumentando “perda de confianza”, polo que a CIG presentou unha demanda solicitando a nulidade do despido ao entender que se trata dunha decisión derivada dun caso de acoso por presentarse pola central ás eleccións.
O xuízo para solicitar a nulidade do despedimento terá lugar o vindeiro 25 de agosto en Vigo e a central estuda a posibilidade de desenvolver novas mobilizacións diante dos domicilios dos propietarios.