Nova protesta dos traballadores/as de Alu Ibérica para demandar inversións, manter os empregos e a actividade
Traballadores e traballadoras de Alu Ibérica continuaron este xoves coas mobilizacións semanais para esixir que se fagan as inversións necesarias na fábrica para garantir o mantemento de todos os empregos e da actividade produtiva e que se realicen as achegas financeiras que estaban acordadas.
O persoal concentrouse ás portas de acceso á fábrica e cortou parte dos carrís da Avenida de Arteixo, nunha mobilización que contou co apoio dos/as membros da Executiva da CIG-Industria. O seu secretario nacional, Xoán Xosé Bouzas Aboi 'Tupi', alertou que todas as irregularidades cometidas dende que se efectivizou a venda por parte de Alcoa até chegar agora a planta a mans do Grupo Riesgo "poñen en perigo a viabilidade da empresa".
Por iso, demandou que se cumpran os termos do acordo que se asinou no marco do ERE e a posterior venda en canto ás inversións na planta, ao mantemento dos empregos e á dotación de carga efectiva de traballo, para poder retomar a actividade produtiva. "No que levamos de ano e medio dende que se asinou ese acordo non se ten avanzado nada e hai un total desentendemento por parte das administracións, tanto da estatal como da galega, que foron avalistas desa operación", lembrou.
O estatuto electrointensivo segue sen aprobarse
Diante desta pasividade, os traballadores e traballadoras teñen que seguir a mobilizarse nas rúas para esixir que se fagan os investimentos necesarios, polo mantemento dos empregos e a continuidade da actividade produtiva "que é tan importante nun sector como o das industrias electrointensivas".
A este respecto, Bouzas Aboi criticou o "engano" do goberno español que leva meses prometendo sacar o estatuto do consumidor electrointensivo pero até o momento nin se aprobou nin se sabe se as alegacións foron tidas en conta ou cales incorporadas ao texto normativo. "Ese silencio tamén outorga culpabilidade do goberno nun posíbel peche do centro de traballo da Coruña", asevera.
Intervención da planta coruñesa
Sobre a intervención pública da fábrica, o secretario nacional da CIG-Industria lembra que esta é unha solución viábel e legal, mais nin o goberno español nin a Xunta "ofreceron esta posibilidade como si están a formular no caso da planta de San Cibrao. Hai un deixamento e unha intencionalidade clara de botarse fóra do acordo que ambas administracións avalaron. Dende a CIG entendemos que, neste momento, a intervención é a saída para que a fábrica poida ter actividade".
Neste senso, engade que se é posíbel que a SEPI se faga coas instalacións da Mariña "tamén é posíbel que compre a fábrica coruñesa, a poña a funcionar e despois busque un inversor ou un comprador que faga os investimentos previstos e continúe coa actividade produtiva".