Nova protesta do persoal da Administración pública pola recuperación de dereitos laborais

A CIG desenvolveu unha concentración na Subdelegación do Goberno en Pontevedra para reclamar unha suba salarial do 5% e a xornada de 35 horas
Pontevedra - 06 Mar 2025

A CIG-Administración continuou hoxe coa campaña para reclamar a recuperación de dereitos laborais e salariais do persoal empregado público, que nos últimos sete anos perder máis do 20% do seu poder adquisitivo. Delegados/as da central sindical desenvolveron unha concentración na Subdelegación do Goberno español en Pontevedra ás 11:00 horas en demanda de medidas que revertan o empobrecemento dos salarios, como un incremento de soldos do 5% para este ano, incorporar cláusulas de garantía salarial e a xornada laboral de 35 horas á semana.

As accións reivindicativas comezaron o pasado xoves na Coruña diante da Delegación do Goberno, e está previsto que a semana que vén continúen na Subdelegación de Ourense; mentres que o día 20 haberá concentración na Subdelegación de Lugo. E coinciden coa negociación dos Orzamentos Xerais do Estado, “na que non se está a falar dos nosos salarios”, polo que a CIG lle reclama ao Goberno que convoque xa a Mesa Xeral das Administracións Públicas, tal e como sinala o secretario nacional da CIG-Administración, Luis Carballo.

O responsábel sindical lembro que os acordos asinados por CCOO, UGT e CSIF nos últimos anos nas administracións públicas contribuíron a esta perda de poder adquisitivo, e apuntou que moitas persoas traballadoras públicas só viron aumentadas as súas retribucións porque os seus salarios subiron coa alza do SMI. “O Goberno do Estado permite que o seu persoal cobre as retribucións mínimas, o que demostra o empobrecemento ao que está chegando o persoal ao servizo das administracións públicas”, sostén.

O Acordo Marco para unha Administración do Século XXI (2020-2024) -engade Carballo- non só afondou nesta perda, “senón que tamén fracasou na súa implementación, ao non derrogar a lexislación que impuxo recortes na Administración pública, como os Reais Decretos-Lei 8/2010, 20/2011 e 20/2012, que foron as nosas reformas laborais, e non conseguiu tampouco avanzar en dereitos”.

Cláusula de garantía salarial

Por iso, no momento no que se están a negociar os Orzamentos do Estado, a CIG reclámalle ao Goberno que convoque a Mesa Xeral das Administracións Públicas para negociar e aplicar de inmediato unha seria de medidas que revertan esta situación de empobrecemento. “As propostas que temos son asumíbeis e factíbeis se hai vontade política” , afirma o responsábel sindical.

De cara a garantir a recuperación do poder adquisitivo, xunto a un incremento adicional do 5% para 2025, a CIG demanda a introdución dunha cláusula de garantía salarial que vincule a suba dos salarios ao IPC, que esta cláusula estea protexida por lei e que se aplique ao conxunto do persoal. Ademais propón negociar acordos salariais anuais ou plurianuais para evitar a conxelación das retribucións, e que esta negociación se faga “na mesa xeral do persoal empregado público, con transparencia e sen sometemento ás centrais sindicais estatais”.

Redución da xornada

Xunto ás cuestións económicas, a CIG-Administración defende o estabelecemento real da xornada laboral a 35 horas semanais en 2025 e avanzar cara ás 32 horas en 2026. “Tamén defendemos a creación de novas prazas, a actualización dos perfís laborais (perfís dixitais) e a regulación do teletraballo para adaptarnos á realidade actual e garantir o emprego público”.
No relativo á xubilación, Carballo critica as tentativas do Goberno de eliminar a xubilación forzosa e prolongar a idade de xubilación voluntaria até os 72 anos. No camiño contrario -salientou-, “defendemos a recuperación da xubilación parcial aos 61 anos e un aumento dos haberes reguladores de clases pasivas para equiparar os réximes”.

A federación da CIG tamén propón crear un ámbito de negociación específico para Galiza “que promova o uso e coñecemento da nosa lingua no acceso e provisión de postos, así como un complemento salarial por este motivo. Queremos avanzar cara a unha sociedade con plenos dereitos lingüísticos”, remata.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.