Nova oportunidade para un debate que permita avances reais sobre a redución da xornada e o rexistro horario

O 14 de outubro debaterase no Congreso a proposta de lei do BNG, que recolle as principais demandas da CIG nestas materias
Nacional - 03 Out 2025

A Proposición de Lei tramitada polo BNG, que recolle as principais propostas da CIG para a redución da xornada laboral a 35 horas -no camiño de avanzar cara a xornada de catro días, 32 horas á semana-, o dereito á desconexión dixital e o rexistro da xornada, debaterase no Pleno do Congreso do 14 de outubro. Para a CIG, ese debate xunto co proceso sobre o Proxecto de Real Decreto para o rexistro da xornada laboral, constitúen unha nova oportunidade para abrir un debate que permita avanzar en dereitos, atallar a precariedade e mellorar as condicións de vida da clase traballadora.

Así o explicaron esta mañá nunha comparecencia conxunta o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o deputado do BNG, Néstor Rego, quen subliñou que esta iniciativa lexislativa resulta “moito máis ambiciosa e valente que a realizada polo Goberno español e suporía un avance social innegábel”. Por iso, aseverou que esta cita do 14 de outubro “é unha oportunidade histórica para situar no centro do debate político a mellora real das condicións de vida da clase traballadora”.

Nesta liña, Paulo Carril defendeu que no actual contexto de desenvolvemento tecnolóxico e de cambios na xestión e organización do traballo non existen razóns que impidan avanzar “dunha vez por todas” en dereitos laborais reais e xerar máis riqueza social favorecendo a repartición do traballo mediante a implantación da xornada de 35 horas á semana de traballo efectivo, no camiño das 32 horas. Unha demanda, destacou, “que é un clamor da clase traballadora e que facilitaría a incorporación das persoas mozas ao mundo do traballo”.

A Proposición inclúe ademais unha serie de medidas sobre a regulación da xornada encamiñadas a frear a precariedade laboral e dignificar a contratación a tempo parcial, unha vez que se estendeu o abuso deste tipo de contratos como consecuencia da última reforma laboral. Entre outras, garantir xornadas mínimas fixas de 20 horas en horario continuado; condicionar a realización de horas complementarias; limitar estes contratos ao 15% dos cadros de persoal e no sector público; e aumentar a retribución do persoal a tempo parcial.

Así como unha proposta concreta coa que derrogar a reforma laboral do PP do 2012, que este Goberno sigue mantendo vixente, rematando co feito de que a patronal sexa quen decida unilateralmente a distribución irregular da xornada até un 10%.

Rexistro da xornada

Este debate no Congreso darase ademais de xeito paralelo ao Proxecto de Real Decreto para desenvolver a normativa sobre o rexistro da xornada laboral, que o Consello de Ministros e Ministras acordou tramitar pola vía de urxencia. Carril cualificou esta normativa como a “consolación” que o Goberno español ofrece á clase traballadora tras o fracaso da tramitación do proxecto de lei para a implantación das 37,5 horas semanais.

No período de consulta pública para o desenvolvemento do regulación do control horario, que rematou o 26 de setembro, a CIG fixo unha achega ambiciosa que combina a regulación técnica do rexistro -con garantías de transparencia e control-, co avance en dereitos como a redución da xornada laboral a 35 horas e a desconexión dixital.

Con este obxectivo, a CIG propón rexistros intransferíbeis accesíbeis en calquera momento e con copia mensual para as persoas traballadoras e a representación legal do persoal, para poñer fin  “aos abusos que sofren as persoas traballadoras ante os excesos de xornada, ao poder controlar os milleiros de horas extras que se realizan sen ningún tipo de vixilancia, que ademais de empeorar os condicións laborais son unha fraude á Seguridade Social”.

Incidiu en que no ano 2017, a CIG xa remitiu aos grupos parlamentarios do Congreso unha proposición de lei concreta e perfectamente elaborada relativa ao establecemento dun rexistro diario de xornada da que se apropiou un grupo, para promover un cambio normativo, sen diálogo algún coa propia central sindical, e con modificacións importantes que levaron ao sindicato nacionalista a criticala tanto “por chegar tarde, como por considerala insuficiente”.

A fraude do diálogo social

Na súa intervención, o secretario xeral da CIG foi moi crítico co “o emprego intenso e permanente” que o Goberno español fai do chamado diálogo social para pactar e avalar normas que actúan como freo para o avance dos dereitos laborais. Lembrou que a central nacionalista foi excluída das negociacións, a pesar de ter a condición de sindicato máis representativo a nivel estatal, vulnerando así unha vez máis o Ministerio de Traballo o principio de neutralidade e de liberdade sindical.

Por iso, reclamou que se abran de novo consultas e negociacións, garantindo en pé de igualdade os dereitos de todas as organizacións sindicais lexitimadas para a participación institucional a nivel estatal, entre as que se atopa a CIG.

Lanzou así mesmo un chamado ao sindicalismo español que avalou a xornada de 37,5h, para que abandone “esas derivas” e sitúe a acción sindical fóra das mesas do diálogo social, “auténtica fosa común dos dereitos laborais”. “Ante o fracaso constatado e recoñecido do diálogo social, ante a resistencia institucional que poida haber e ante o secuestro que a patronal poida facer no recoñecemento destes dereitos, a loita e a mobilización son o mecanismo para conseguir avances reais”, aseverou.

Porque, tal e como subliña o secretario xeral da CIG, a redución da xornada laboral “non só permitirá mellorar a calidade de vida da clase traballadora, senón que terá un impacto positivo no emprego”, permitindo a incorporación de máis persoas ao mercado laboral. “É unha medida de xustiza social, que responde a unha demanda histórica do sindicalismo nacionalista e de clase que busca avanzar para a unha sociedade máis xusta e igualitaria”.