Nova mobilización para esixir o inicio urxente do dragado integral da Ría do Burgo
A Plataforma pola defensa da Ría do Burgo (da que forma parte a CIG) desenvolveu unha nova concentración este martes para esixir solucións ao Goberno español e á Xunta de Galiza para a posta en marcha inmediata do Plan de Dragado e Rexeneración da ría, "porque van moitas promesas pero poucos feitos".
En nome da Plataforma, Manuel Baldomir, lembrou que hai xa máis de 13 meses que rematou o período de alegacións ao plan de dragado integral, polo que non deixa de chamar a atención "que o Ministerio aínda estea agora solicitando informes a Augas de Galiza para elaborar o estudo de impacto ambiental".
"As alegacións que presentamos as entidades implicadas tiñan que estar estudadas, resoltas e comunicadas dende o pasado mes de xuño, pero a día de hoxe seguimos sen ter resposta", engadiu.
Ao tempo criticou a "pouca sensibilidade" que está demostrando ter a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, ante a problemática da ría do Burgo. "A conselleira, cando se lle pregunta en prensa polo estado do dragado, o único que sabe responder é que aínda está en prazo de alegacións. Isto é incríbel".
Baldomir lamentou así mesmo a actuación de Demarcación de Costas, pois logo das promesas de que, a máis tardar, no primeiro trimestre de 2017 estarían as máquinas dragando na ría, "vemos que non só non están as máquinas, senón que tampouco está Costas, que non dá resposta ás solicitudes de xuntanza que lle trasladamos: isto fainos sospeitar que as administración están enredando para non sacar nada adiante", alertou.
"Cen familias malvivindo"
O voceiro da Plataforma lembrou que hai cen familias vivindo do marisqueo na ría do Burgo, "que cada día estamos máis metidas na lama, e non só literalmente, senón economicamente, posto que a nosa economía está mermando moito. A xente gaña 300 ou 400 euros e con isto non se pode vivir: hai compañeiros e compañeiras que perden as licencias de marisqueo, outros/as que están con embargos en facenda, etc.".
Neste momento explótase arredor do 18% da ría e a cantidade de marisco que sae "é ridícula". "A Consellaría do Mar sabe cale é a situación porque todos os días se lle envían os informes. Non hai que esperar a que veñan de Europa a sacarnos as cores como fixo no ano 2013, hai que actuar xa", aseverou Baldomir.
A este respecto, explicou que a única escusa que recibiron da administración estatal referiuse aos problemas para formar o goberno español e que por iso se ía demorar a tramitación. Fronte a isto foi tallante: "o persoal funcionario e técnico segue traballando e non vai ser precisamente Rajoy quen faga o estudo de impacto ambiental".