Nova mobilización para esixir a readmisión do traballador do GES de Guitiriz despedido como represalia
A CIG de Lugo-A Mariña desenvolveu esta mañá unha concentración diante do SMAC coincidindo co acto de conciliación polo despedimento dun traballador do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Guitiriz. Para a central sindical estamos ante un clarísimo caso de represión sindical xa que a decisión de rescindirlle o contrato chegou tras varias denuncias interpostas -pola CIG e polo propio afectado-, contra os incumprimentos xerais nas condicións laborais do persoal do GES e deste traballador en particular.
No acto de conciliación, explica o secretario comarcal de Organización, Lois Neto, non foi posíbel a avinza, "porque a única solución posíbel é a readmisión do traballador". Deste xeito, a loita seguirá agora pola vía xudicial, "mais a CIG continuará coas mobilizacións e presións para lograr que este compañeiro sexa reincorporado no seu posto".
Neste senso, Neto adiantou que o vindeiro día 29 está programada unha reunión coa Subdirección Xeral de Protección Civil para abordar a situación xeral na que se atopa o GES de Guitiriz, e en particular o que está a acontecer co traballador despedido, así como para instar a implicación da Xunta neste conflito.
Política laboral "neglixente"
Para a CIG de Lugo este despedimento haino que enmarcar na "neglixente e arbitraria" política de persoal da alcaldesa de Guitiriz, que leva a que no Concello "a conflitividade social por violación de dereitos laborais básicos" se produza de continuo e "caprichosamente" se neguen ás traballadoras e traballadores días de asuntos propios, vacacións, ou concreción horarias nas reducións de xornadas.
De feito, o pasado mes, o Concello recibía un novo revés xudicial ao estimar o xulgado a denuncia dunha traballadora á que lle denegaron a concreción horaria, tras solicitar a redución de xornada por coidado de menor.
Precariedade e improvisación no GES
Non cómpre esquecer, ademais, que o servizo de emerxencias (que cubre tamén os concellos de Begonte, Friol e Xermade) se atopa nunha situación de "improvisación, descoordinación e precariedade" ao contar só con 10 efectivos, dos 12 que debera ter". Isto é así porque, xunto ao traballador despedido o pasado mes, o Concello aínda non readmitiu a outro operario que gañou a nulidade no xulgado do Social. A maiores da falta de medios humanos, existe un importante déficit de medios e EPI´s no GES, que xa foi denunciado pola CIG na Inspección de Traballo.
As decisións que se toman sobre o servizo de emerxencias, denuncian dende a CIG de Lugo, deixan nunha situación "altamente gravosa" un servizo da importancia social como é o de emerxencias, posto que actualmente se está a atender nunhas condicións moi deficitarias.