Nova mobilización para esixir a licitación ou remunicipalización da escola infantil municipal de Vilagarcía
A CIG convocou unha nova mobilización para reclamar unha solución á problemática que atravesa a Escola Infantil Municipal de Vilagarcía, que debera pasar pola licitación do servizo ou pola súa remunicipalización. Persoal e familias desenvolveron este sábado unha concentración diante do Concello para demandar tamén o pago dos salarios deixados de percibir como consecuencia da demora no proceso.
Tras máis dun ano dende que a central sindical denunciara publicamente a situación irregular do centro educativo, na sesión plenaria do pasado 8 de xaneiro de 2026 aprobouse un acordo por unanimidade de toda a Corporación polo que se ía a manter unha reunión de todos os grupos municipais coas traballadoras para tratar a situación da escola. “Mais a día de hoxe o persoal non tivo ningunha comunicación para a celebración de da xuntanza”, denuncian dende a CIOG.
Ao tempo que o Goberno local anunciou que na primavera xa estarían os pregos para a nova licitación do servizo, “pero 11 semanas despois daquel pleno municipal seguimos reivindicando o que xa advertiamos no verán de 2025: a necesidade ou ben remunicipalizar o servizo ou sacar a licitación canto antes para que calquera empresa poida concorrer libremente ao concurso”.
A demora de calquera destes dous procesos está a afectar moi negativamente e ao colectivo de persoas traballadoras, xa que a publicación do convenio colectivo en xuño de 2025 estableceu unha dobre escala salarial para as escolas infantís que estean licitadas antes ou despois da súa publicación.
Para o persoal da Escola Infantil Municipal de Vilagarcía supuxo unha perda salarial de entre 2800 e 3200 euros o ano pasado, cando o salario mensual dunha educadora é de 1200 euros.
Polo que canto máis se tarde en licitar o servizo máis prexuízo se lles está a causar ás persoas traballadoras, polo que esixen que o Concello lles resarza polos salarios deixados de percibir dende o 1 de xaneiro de 2025, data da entrada en vigor do convenio colectivo, até a remunicipalización ou nova licitación.
Ademais, ante a próxima apertura do prazo para as novas matrículas e reclaman unha maior axilidade na xestión das prazas por parte do Concello; ampliación de prazas e do servizo, por que o actual está a causar un prexuízo tanto para o persoal como para as persoas usuarias e tamén para a empresa que xestiona o servizo; os horarios teñen que ser o máis amplos posibles para garantir que as persoas usuarias poidan conciliar a súa vida laboral e familiar; seguridade horaria para todo o persoal á hora da prestación do servizo; ampliación do cadro de persoal e das xornadas de traballo; e as máximas garantías para a prestación do servizo, tanto pola labor realizada e prestada polo persoal como das prestacións económicas e sociais que lle corresponden.
En consecuencia, e até que no se resolva esta situación irregular, seguirán a mobilizarse todos os meses diante do Concello na defensa dos seus dereitos como persoas traballadoras e usuarias dun servizo público municipal.