Nova mobilización do persoal de Top Wash pola readmisión de oito compañeiros/as
Traballadores/as de Top Wash continuaron este venres o calendario de protestas para esixir a readmisión dos oito compañeiros despedidos e denunciar que Inditex "consinte neste ERE encuberto" na súa contrata, aproveitando a situación de emerxencia sanitaria para abaratar custes e afondar na política de deslocalizacións.
Top Wash (que traballa en exclusiva) realiza os labores de tinturería industrial, acabado das prendas, lavado ou funcións de laboratorio para probas de novos modelos e tinturas, e tivo ao seu persoal en ERTE durante tres meses por mor motivo da covid19. Agora, case sen rematar o expediente, a empresa despide a oito traballadores/as alegando causas obxectivas "que non existen".
Cambiar persoal fixo por eventual
Para o comité (con maioría da CIG) con esta manobra o que busca a empresa é desfacerse de persoal fixo e con antigüidade (que durante moitos anos soportou unhas condicións laborais cativeiras) para cambialo por "persoal eventual que lles sae máis barato e ten peores condicións".
Unha estratexia que, denuncia a representación social, "xa vivimos hai tres anos cando Top Wash despediu a nove compañeiros que gañaron a improcedencia en vía xudicial" pero agora a contrata de Inditex dá un paso máis xa que os despedimentos van acompañados da eliminación dunha quenda completa de traballo.
"O único que pedimos é que readmitan a estes compañeiros e compañeiras, ter un emprego digno e que non se consinta a unha multinacional como Inditex seguir deslocalizando traballo para engordar os beneficios", conclúen.