Nova mobilización do persoal de Celso Míguez para reclamar o pago de salarios e un plan de viabilidade

Percorreu en manifestación as rúas de Pontevedra coincidindo con outra xornada de folga
Pontevedra - 09 Set 2020

Traballadores/es de Celso Míguez, compañía dedicada á comercialización de pinturas con sede en Pontevedra pero con centros de traballo por toda Galiza, desenvolveron hoxe unha nova xornada de mobilizacións para esixir o pago dos salarios que lles adebedan, así como un plan de viabilidade que garanta a continuidade da empresa.

A compañía, que conta cuns 90 empregados/as, comezou dende hai máis de un ano a ter problemas co pago dos salarios, e nestes momentos adebeda as catro últimas nóminas e as pagas extraordinarias de Nadal e xullo, o que está a provocarlle serios problemas económicos ao persoal.

En consecuencia, os afectados/as decidiron iniciar unha campaña de de protestas que inclúe a convocatoria de folga e manifestacións como a que esta mañá tivo lugar polas rúas de Pontevedra. As mobilizacións terán continuidade o vindeiro mércores 16.

Dende a CIG-Servizos explican que o próximo día 11 celebrarase o SMAC tras a denuncia presentada por impago de nóminas e reclamando a rescisión de contratos dos 17 traballadores/as que asesora a CIG (13 en Pontevedra, 2 en Vigo e 2 en Lugo).

Ademais, critican que a dirección de Celso Míguez se nega a manter unha xuntanza co comité de empresa (2 delegados/as da CIG e 2 de CCOO tras a marcha do presidente do comité, de CCOO) “mentres haxa convocatorias de folga”.