Nova mobilización do colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG por unha atención sanitaria digna

Nacional - 25 Mar 2026

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG continuou este mércores co calendario de mobilizacións en defensa da sanidade pública e para denunciar como a política de desmantelamento e privatizacións aplicada pola Xunta de Galiza afecta de maneira especial ás persoas maiores.

Ademais das protestas mensuais diante de centros sanitarios da Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo, o colectivo está desenvolvendo unha intensa campaña con mesas informativas nas rúas das principais cidades e vilas para recoller escritos de queixa e testemuños de persoas maiores sobre as dificultades e atrancos que atopan á hora de recibir atención sanitaria, “facer visíbel o que se está a ocultar e organizar a resposta social”.

Critican a situación insostíbel na que se atopa a sanidade pública por mor das políticas aplicadas polo Goberno do PP na Xunta, que provocan listas de esperar inasumíbeis, derivacións sistemáticas á sanidade privada, e mesmo penalizacións para “quen decide defender o seu dereito a ter atención na pública”.

Advirten que para as persoas maiores de 60 e 65 anos, para quen vive con patoloxías crónicas e “para quen sabemos que o tempo, cando a saúde falla, non é neutro”, estas demoras na atención empeoran a saúde, aumentan a dependencia e, “en demasiados casos, provocan danos irreversíbeis”.

O colectivo da CIG incide nas dificultades de acceso á Atención Primaria, “que é a porta de entrada ao sistema sanitario”, con centros de saúde nos que a espera para conseguir unha cita co persoal médico de cabeceira xa supera os dez ou catorce días.

A atención hospitalaria non atravesa unha situación mellor e o colectivo da CIG xa ten recibido denuncias de persoas que tiveron que agardar cinco anos por unha operación de cataratas, de xente que leva meses e anos agardando por unha proba diagnóstica ou de quen “perdeu a saúde de forma irrecuperábel mentres estaba nunha lista de espera”.

Unha loita de país

Neste senso, o colectivo destaca que a defensa da sanidade pública “é unha loita de país, porque tamén é unha cuestión de xustiza social e de dignidade, especialmente para quen deu toda unha vida de traballo”. E subliñan que as persoas xubiladas e pensionistas “non son números nin unha carga”, senón persoas con plenos dereitos.

Por iso, exíxenlle ao Goberno galego que remate coa política de aniquilación da sanidade pública, que poña fin ao desvío de cartos á privada e que planifique e dote dos recursos humanos e materiais necesarios os sistema público para garantir unha atención sanitaria digna e equitativa para todas as galegas e galegos