Nova protesta da CIG para reclamar a readmisión do delegado da central en Odefri
A CIG-Industria de Vigo desenvolveu unha nova protesta diante das instalacións de Odefri, compañía do sector do frío industrial con sede en Coruxo, para reclamar a readmisión do delegado da central no comité de empresa despedido tras unha campaña de acoso por defender os dereitos laborais dos seus compañeiros/as.
A de hoxe foi a segunda das concentracións previstas diante das instalacións da empresa de 11:00 a 12:00 horas, onde despregaron unha faixa reclamando a readmisión do traballador e berraron consignas contra a represión sindical. As protestas repetiranse cada semana no mesmo horario até que a empresa dea marcha atrás na súa decisión. A seguinte terá lugar o vindeiro xoves día 6.
De xeito paralelo, a central recorreu o despedimento disciplinario nos xulgados para reclamar súa nulidade, ao entender que se produciu como consecuencia da actividade sindical do afectado. A maiores, solicitan unha indemnización para o traballador por vulneración de dereitos fundamentais.
Finalmente, dende a federación de Industria critican a actitude de UGT e CCOO, as outras dúas centrais con representación no comité (3 delegados/as da UGT, 1 da CIG e 1 de CCOO), xa que non apoian nin participan nas mobilizacións e no caso dos representantes da UGT mesmo se posicionaron a favor da empresa e en contra do seu propio compañeiro.