Nova mobilización contra a represión sindical en Abanca e pola readmisión da compañeira despedida

A CIG denuncia que a decisión empresarial é un castigo á delegada pola súa actividade sindical
A Coruña - 18 Mar 2026

“Non á represión, Montse readmisión” foi a consigna que delegadas e delegados da federación de Banca da CIG corearon esta mañá ás portas da oficina principal de Abanca na Coruña en solidariedade coa compañeira, vítima dun despedimento represivo por parte a empresa en xullo de 2025. O xuízo estaba fixado para o pasado mes de febreiro, pero ficou adiado e agárdase agora que teña lugar durante o mes de abril.

Hai que lembrar que esta traballadora, ademais, é delegada da CIG no comité provincial de Abanca en Pontevedra, e o seu despedimento “non foi un feito casual, senón un acto deliberado contra a compañeira pola súa actividade sindical”. A sección sindical da CIG na entidade enmarca esta decisión empresarial no traballo desenvolvido nos meses anteriores á exitosa folga do 11 de xaneiro de 2024.

Un paro no que o persoal de Abanca “se botou á rúa masivamente para denunciar a política de abusos da empresa e a continua perda de poder adquisitivo, mentres a entidade publicaba cuantiosos e escandalosos beneficios”.

Demandas gañadas pola CIG

Ao éxito da folga súmanse as catro demandas presentadas pola CIG contra a empresa nos meses posteriores: por cláusulas ilegais nos contratos e por incumprimento do preaviso de 5 días para modificación dos horarios semanais (que foron estimadas a favor da CIG); por esixir unha autorización adicional para poder rexistras as horas extras reais que se fan (que non chegou a xuízo pois a empresa modificou o sistema previamente); e por vulneración da liberdade sindical na negociación do anterior plan de igualdade.

Nesta demanda, apunta a sección sindical, “estaban implicadas as mesmas persoas instrutoras do expediente “a medida” que pretende xustificar o despedimento da nosa compañeira”.

“A CIG é un sindicato combativo e a nosa acción sindical de confrontación e denuncia dos abusos cometidos pola empresa faille dano a Abanca. Pretenden amedrentarnos para que permanezamos en silencio e non nos mobilicemos. Pero, unha vez máis, que saiba a empresa que non van conseguilo, seguiremos defendendo os dereitos do persoal e seguiremos a carón de Montse, na seguridade da súa completa inocencia nos feitos que se lle imputan”, aseverouse na mobilización.