Nova lección de dignidade de miles de docentes reclamando en Compostela a inmediata rectificación da Consellaría
Profesorado de todos os niveis e etapas educativas, procedente de todas as comarcas de Galiza, manifestouse esta mañá polas rúas compostelás coreando novamente a consigna de que “non se vende, nin se rende” e rexeitar con contundencia o acordo apoiado por unha minoría sindical que representa o 40% da representación docente galega. Milleiros que se sumaron á mobilización que coincidiu coa segunda xornada de folga convocada, en menos dun mes, no ensino público galego en demanda dunha rebaixa das ratios, a diminución da burocracia e a redución do horario lectivo.
O colectivo docente galego mantén así a tensión coa Xunta após confirmarse que será o que teña o peor horario lectivo de todo o Estado o vindeiro curso, tras o acordo negociado na Comunidade de Madrid que era a única xunto con Galiza que mantiña as 20 horas lectivas desde os recortes de Rajoy en 2012 nas etapas de secundaria, bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial (ensinanzas musicais, de idiomas, artísticas e deportivas).
A este agravio xúntase que o acordo asinado polo presidente Rueda cos tres sindicatos minoritarios CCOO, ANPE e UGT para a baixada do horario a 23 horas en infantil e primaria o vindeiro curso non vai significar un incremento no número de mestras e mestres, dado que os catálogos dos centros destas etapas foron deseñados en 2007 para as 21 horas lectivas aprobadas co bipartito.
Así o criticou o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, quen lembrou que “dunha foto fixa en 2009 na que o profesorado galego era o que tiña o mellor horario de todo o Estado, con 21 sesións lectivas en infantil e primaria e 18 no resto das etapas a outra en 2024 na que será o que teña o peor horario mantendo as 20 horas en secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial xa en solitario e baixando a 23 para os mestres e mestras pero sen incidencia real na contratación de máis efectivos. Este é o balance dos 14 anos en materia de persoal do PP á fronte da Xunta e que o sitúa como o goberno máis reaccionario e que máis despreza o seu profesorado de todo o Estado”.
“Hoxe aínda son máis os motivos para esta mobilización. Se cando o presidente Rueda, de forma totalmente inaudita, asinou un acordo ‘de renuncias’ a recuperar os nosos dereitos laborais, fundamentalmente o horario, e a rebaixar as ratios en todas as etapas educativas desde o vindeiro curso, así como a poñerlle freo á excesiva burocratización do labor docente nunha falsa negociación que se produciu dun xeito apresurado en 5 días e que se pechou como inicialmente a Xunta xa tiña no seu guión, apenas mes e medio despois desa afronta o malestar do profesorado vai en aumento e así se puido constatar no éxito de todas as accións levadas a cabo neste mes de novembro de loita que culmina hoxe de novo cunha gran resposta tanto no seguimento da folga como na asistencia a esta manifestación”, indicou Bermello.
Asistencia masiva após un mes intenso de loita
A asistencia, no día de hoxe, foi a máis numerosa das manifestacións docentes convocadas desde o pasado 24 de outubro e é, se cabe, máis significativa porque vén precedida doutra multitudinaria manifestación o pasado domingo 19 e dunha resposta sen parangón cunha participación de centos de centros educativos en accións de protesta difundidas mediante imaxes nas redes sociais.
No manifesto final lido por representantes das tres organizacións convocantes destacouse principalmente “a integridade demostrada polo profesorado, a proba de todas as mentiras e manipulacións que se teñen vertido para procurar que o acordo pasase sen contestación social cualificándoo de histórico.
As mobilizacións destas últimas semanas son unha reacción lóxica, un produto do malestar, unha queixa colectiva, a constatación de que nin como sindicatos nin como profesorado estamos dispostos a tragar co que nos poñan diante”, contiña o texto.
No mesmo tamén se fai referencia a como a ruptura da unidade sindical, propiciada pola propia Xunta pero que contou coa complicidade dos sindicatos asinantes, foi un fracaso porque “hai moito tempo que non se produce unha resposta social tan viva no ensino público galego e sobre todo porque agromou unha conciencia xeral de que como colectivo profesional estamos a ser desprezados pola administración”.
Esta aldraxe queda perfectamente clara ao constatarse no proxecto de orzamentos da Consellaría de Educación para 2024 que non se incrementa nin un só posto de traballo con respecto a este ano no capítulo de persoal e que tampouco hai máis fondos para unhas medidas “totalmente de saldo” incluídas no acordo: a redución das ratios en Infantil de 3 anos e unha suba salarial de 5€ ao mes con carácter xeral, acompañada doutras subas que, sendo escasas, teñen como principal eiva segregar o profesorado.
As ratios, a gran necesidade social, e na que Galiza tampouco mellora
No manifesto faise fincapé en que “a baixada das ratios é unha acomodación ao devalo demográfico no caso de Infantil, unha aplicación nun tempo excesivo, a 9 anos vista, no caso de Primaria e unha incerteza absoluta na ESO e no Bacharelato, sendo nas demais ensinanzas unha negación expresa a poder contar con esa redución de alumnado por aula tan demandada”, á vez que se incide en que ningún alumno ou alumna actualmente matriculado no sistema educativo galego se beneficiará de ningunha medida neste aspecto.
Entre o contido do texto formúlanse varias preguntas para desmontar a falacia de que estamos ante un acordo de melloras, tal e como se pode consultar no documento completo, e ponse como contraste de como se fai unha negociación a que se produciu no SERGAS, onde a CIG tamén é o sindicato maioritario e na se chegou a un acordo sindical unánime pero que contou coa intermediación directa do conselleiro de Sanidade para acadar o horario de 35 horas semanais e a contratación, recollida no DOG, de 1300 novos postos de traballo máis para o sistema público de saúde. Isto é o que se lle negou ao profesorado galego coa conivencia de tres sindicatos que, mesmo xuntos, conforman unha minoría de apoio.
O secretario nacional da CIG-Ensino fixo especial fincapé no papel do conselleiro de Educación, que neste momento nin sequera respondeu ao chamado dos tres sindicatos que promoveron o “novembro de loita” e as dúas xornadas de folga a sentarse a negociar. Neste sentido, Suso Bermello preguntouse pola capacidade de interlocutor dun responsábel político que goberna de costa á vontade maioritaria do profesorado e instou a Román Rodríguez a formar parte da solución a este conflito, o maior en 14 anos de goberno do PP, ou a botarse a un lado.
Proposta de mínimos imprescindíbeis
Ao remate das intervencións volveuse facer un chamamento á rectificación da Consellaría e a esixencia dunha negociación que acolla, cando menos, unha proposta que as organizacións convocantes consideran que é de mínimos, e non de máximos, e que se resume nos seguintes puntos:
- A recuperación dos horarios lectivos de 18 horas en secundaria, FP e demais ensinanzas e de 21 horas en infantil e primaria nun máximo de 2 cursos.
- A redución das ratios en todas as ensinanzas, comezando no 2024/25 e con aplicación como máximo no remate de cada etapa.
- A aplicación de medidas inmediatas (xa no curso 2024/25) para a redución da burocracia co aumento das horas de liberación para cargos directivos, de coordinación e titoría e co aumento de persoal administrativo.
- Reparto lineal da masa salarial comprometida pola Consellaría entre todo o profesorado.
A mobilización rematou cunha declaración de intencións de que o profesorado seguirá amosando a súa dignidade: “cando o profesorado se mobiliza tamén está a ensinar. Cando saímos á rúa, cando non calamos fronte á inxustiza e a imposición de acordos minoritarios que negan os nosos dereitos, cando nos rebelamos, damos tamén unha lección, a da dignidade e a defensa colectiva do elemento central do sistema educativo: o seu persoal docente. Non imos calar nin consentir que nos dividan e nos desprecen”.