Nova condena ao Concello de Verín por irregularidades no pago de complementos
O Tribunal Supremo vén de rexeitar o recurso de casación interposto polo grupo de Goberno do Concello de Verín contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que lle daba a razón á CIG en relación á negativa do ente local a negociar coas centrais sindicais uns criterios obxectivos para o pagamento dos complementos de produtividade e especial dedicación ao persoal empregado público. Na central sindical agardan que a Administración local cumpra a sentenza, xa que do contrario acudirán ao xulgado do Contencioso Administrativo e estudarán a presentación dunha querela por prevaricación.
A CIG de Verín-A Limia interpuxera recurso contencioso administrativo contra o xeito de proceder co que o Concello de Verín vén outorgando desde o ano 2016, mediante decreto, os complementos de produtividade e especial dedicación aos traballadores/as municipais. Complementos atribuídos directamente e sen criterios obxectivos nin negociación polo alcalde, tenente alcalde e concelleira de Persoal a quen consideran.
Seguiron sen facer caso ás sentenzas en contra das súas prácticas e apelaron perante o Tribunal Supremo
A sentenza do xulgado do Contencioso Administrativo nº 2 de Ourense, de 2021, anulaba a actuación do Concello por ser constitutiva de vía de feito contraria ao ordenamento xurídico. Condenaba ao ente local a elaborar, negociar e aprobar uns criterios obxectivos para o reparto dos complementos de produtividade e especial dedicación e ordenaba cesar na actuación material tanto ao alcalde, como ao tenente alcalde e á concelleira de Persoal.
O Concello de Verín presentou recurso de apelación contra esa sentenza perante o TSXG, que foi rexeitado, confirmando a sentenza do xulgado do Contencioso Administrativo de Ourense.
Actuación irregular malia as sentenzas
Porén, segundo denuncia a CIG de Verín, durante o tempo que mediou a publicación da sentenza do xulgado de Ourense e a publicación da sentenza do TSXG, o grupo de Goberno do Concello “continuou a incumprir a súa obriga de elaborar uns criterios obxectivos para o reparto da produtividade e a pagar arbitrariamente as retribucións, sen atender as obrigas impostas polo xulgado de Ourense”.
A isto engade que “seguiron sen facer caso ás sentenzas en contra das súas prácticas e apelaron perante o Tribunal Supremo”, que vén de rexeitar o recurso de casación e condena a costas”. A CIG fica agora á espera do cumprimento voluntario da sentenza, para o que se fixou un prazo de 10 días. No caso de que nese prazo non se dea cumprimento satisfactorio e se persista en seguir a distribuír o diñeiro público “á carta e a dedo” advirte que adoptará novas medidas.
Entre elas, a presentación dunha demanda contencioso administrativa polos tres anos de produtividade que van desde a primeira sentenza á actualidade, para que o xulgado condene esa situación, ademais de estudar a presentación dunha querela por prevaricación contra os políticos/as que seguiron a repartir centos de miles de euros en produtividades no Concello de Verín “malia saber que tiñan que facelo por medio dun sistema obxectivo que non había”.