Nova condena ao Concello de Guitiriz por vulnerar o dereito dunha traballadora a conciliar
O Xulgado do Social Nº 1 de Lugo vén de estimar a demanda dunha traballadora do Concello de Guitiriz pola denegación do Concello da concreción horaria tras a solicitude de redución de xornada por coidade de fillos. Esta é a segunda sentenza condenatoria que recibe o Concello no último mes pola mesma causa, "que non é outra que negar un dereito claramente recollido no ET ás traballadoras, nunha política de vulneración dos dereitos das mulleres ao dereito da conciliación da vida laboral e familiar".
Para a CIG de Lugo-A Mariña resulta "vergoñento" que unha administración pública gobernada por un partido político "que se di de esquerdas e cunha muller á fronte, actúe impunemente con estas prácticas ilegais que violentan os dereitos das traballadoras". Engade Lois Neto, secretario comarcal de Organización: "con esta segunda sentenza queda máis que demostrada a insensibilidade da alcaldesa cos dereitos das mulleres traballadoras no seu Concello".
Igualmente, esta sentenza vén demostrar a errónea política laboral que desde o Concello de Guitiriz se está a desenvolver nesta lexislatura, a través de prácticas negadoras dos dereitos laborais do cadro de persoal e cunha clara negativa a resolver a conflitividade no marco da norma legal e do diálogo, "obrigando os traballadores e traballadoras a recorrer á vía xurisdicional para poder ver garantidos os seus dereitos" e na que o Concello é condenado sentenza tras sentenza.
Desde a CIG vólvese facer un chamamento á alcaldesa e ao goberno municipal de Guitiriz para que cese "nesta continua práctica ilegal de xestión dos recursos humanos e recupere a senda do diálogo e negociación para resolver os innumerábeis problemas laborais nos que está inmerso, liberando ao persoal desta presión continuada por verse na obriga a acudir aos xulgados para defender os seus dereitos, e liberando os veciños e veciñas de Guitiriz do custe que esta práctica caudillista, caciquil e caprichosa está a supor para as arcas municipais.