Convocada nova concentración no GADIS de Cedeira en protesta pola excesiva carga de traballo nas tendas
A CIG-Servizos da comarca de Ferrol ten convocada unha nova concentración na porta do GADIS de Cedeira para o vindeiro mércores 14 de agosto ás 12:00 horas, en protesta pola continua falta de persoal nas tendas e o trato abusivo dalgún persoal encargado dos centros ao persoal. A mobilización insírese na campaña de accións de protesta contra esta política de relacións laborais en toda a provincia da Coruña coa que se pretende visibilizar o problema existente nas tendas da cadea.
Tras da exitosa concentración convocada o pasado 27 de marzo diante da porta do GADIS de Vilar do Colo (Cabanas), e á vista de que a empresa non está a atender as demandas da sección sindical da CIG dentro do comité de empresa, a central sindical continúa a programar concentracións para facer ver á clientela todo o que hai detrás de traballar na empresa que presume dun galeguismo para aumentar a súa facturación, pero que non repara en abusar indiscriminadamente do persoal.
A CIG-Servizos afirma que se trata dun problema xeneralizado e amplamente estendido en todas as tendas da comarca e tamén da provincia, con falta de persoal tanto en seccións (carnicería, peixería, froitería, charcutería) como en tenda.
Neste sentido, denuncia que se tardan moitos meses en substituír a persoal de baixa médica e tamén ás compañeiras e compañeiros que están a gozar das súas vacacións (no caso de que finalmente substitúan, cousa que non sempre ocorre), o que provoca que as tendas estean sempre faltas de persoal e que aumente así a probabilidade de mancar a quen quedan aturando o peso do traballo na tenda.
O sindicato asegura que mesmo se chegan a ver modificadas as súas quendas de descanso e sábado libres, sen ningún tipo de antelación, o que provoca unha presión aínda maior en cada minuto de traballo. “Iso si, á hora de exixir sacar o traballo para adiante fano como se estivese a tenda repleta de traballadoras”.
Esta situación provoca ademais que o persoal non saiba o traballo que vai desempeñar cada día, xa que a organización do traballo vese moi comprometida, facendo que caixeiras acaben servindo en peixería, chacinaría ou cobrando na caixa e outro persoal atendendo dúas seccións ao mesmo tempo, o que supón un empeoramento a nivel preventivo dos traballos dentro das tendas. “Non todo o mundo está formado para todo, pero acaban tendo que facer de todo por orde da empresa”, aseveran. “A resposta da empresa sempre é a mesma, que os números non dan para contratar máis persoal porque conseguen o seu propósito, rebentando o persoal que ten”.
As delegadas da CIG no comité de empresa e a central sindical advirten que continuarán a programar actos reivindicativos para visibilizar o problema existente en todas as tendas GADIS e CASH IFA até que a empresa mude a súa actitude e comece a respectar a saúde das traballadoras e traballadores. “Non podemos tolerar a indecente lóxica de GADIS: vivir como galegos non é igual a traballar como escravos”, conclúen.