Nova concentración das traballadoras de Perfumerías Neobel contra o acoso laboral
A CIG-Servizos e traballadoras da empresa Perfumerías Neobel, do grupo Perfumerías Avenida, desenvolveron este xoves unha nova concentración, diante da tenda que a cadea ten na República do Salvador en Compostela, para protestar contra o acoso laboral. Na empresa hai 6 traballadoras de baixa dun total de 12 que conforman o cadro de persoal, 4 delas polo acoso laboral sufrido na empresa.
A CIG-Servizos denuncia que as traballadoras sofren coaccións, por parte da empresa, para que abandonen a reducción de xornada por garda legal dun fillo/a menor de de 12 anos. A situación chega ao punto de que mesmo teñen que pedir permiso para ir ao baño á encargada da tenda que as persegue para controlar o tempo que empregan.
Ademais padecen insultos, berros e faltas de respeto continuamente por parte da encargada.
Rexeitan o traslado proposto pola empresa
A CIG-Servizos rexeita a proposta da empresa de recolocar ás traballadoras afectadas noutras tendas, xa que “elas son as vítimas de acoso e non son o problema”. Fronte a isto defende que saque dese centro de traballo a quen son responsábeis de exercer ese acoso sobre elas: o xerente e a encargada da empresa.