“Non se descarta a folga” no comercio de alimentación de Pontevedra
Camiño da decimoquinta reunión negociadora, as patronais ASAP e FECOIN insisten nas súas propostas agresivas para o Convenio do Comercio de Alimentación da provincia de Pontevedra, tentando laminar logros anteriores e impor recortes coa excusa da competitividade. As centrais sindicais rexéitano de forma unánime e “non descartan ir á folga” se “se tocan puntos innegociábeis”.
“O que pretenden é liquidar os avances que logramos no anterior convenio”, afirma a CIG-Servizos, para quen a unidade sindical conseguida axudará a tumbar as intencións precarizadoras dunha patronal capitaneada por GADIS e FROIZ, algo que xa se logrou tras a folga de 2013.
A listaxe de retrocesos é ampla en contido e tamén en tempo, pois a proposta empresarial contempla nada menos que cinco anos de duración, con exiguos aumentos salariais do 0,50% para 2016 e 2017 e do 1% anual até 2020. Ademais, pretenden conxelar a antigüidade a cambio de 20 euros mensuais durante os dous primeiros anos de vixencia, non consolidábeis. As centrais demandan, pola contra, unha suba de 50 euros liñais ao mes con revisión salarial e para o caso dos pluses, un 4%.
No tocante a xornada, a actual de 40 horas semanais sería modificada pola de 1826 horas anuais co ánimo de distribuílas baixo criterios de flexibilidade, fronte ás reivindicacións sindicais de 38 horas e media con 20 minutos de pausa e xornada continuada “naqueles centros onde sexa factíbel”.
Os descansos semanais, pola súa parte, perderían a mellora contemplada no actual convenio, podendo acumularse en períodos de até 14 días. Tamén se eliminaría o descanso diario de 12 horas entre fin e inicio da xornada seguinte. Os almacéns non pecharían no mediodía, pasando a abrir mañá e tarde. En contraste, para a representación das traballadores é fundamental o peche a partir das 15h en días como o 24 e 31 de decembro por cuestións de conciliación.
O complemento para acadar o 100% do salario desde o inicio da baixa desaparecería, cubríndose só o 75%.
Eliminación da promoción automática
Unha das propostas máis regresivas sería a da eliminación da promoción automática, mediante a cal aos tres anos se ascende á categoría superior. A nova clasificación de persoal contempla a creación de catro grupos “moi amplos” para “forzar unha mobilidade funcional absoluta”, reducindo a especialización.
Contratos de obra e servizo sen limitacións
O actual convenio limita os contratos de obra e servizo “só a novos establecementos” e exclúe a posibilidade de celebralo “máis dunha vez co mesmo traballador/a” para evitar a “picaresca” anterior, cando a patronal trasladaba o persoal a diferentes filiais para impedir a acumulación de antigüidade. Agora pretenden ampliar esta modalidade a calquera suposto.
Vacacións e horarios
No que atinxe ás vacacións, preténdese que o 45% do persoal as disfrute entre o 15 de maio e 30 de setembro de maneira rotativa, cun periodo continuado de 14 días para o 50% do total do persoal da empresa. A parte sindical reivindica 27 días laborais do 15 de xuño ao 15 de setembro para todo o persoal dun centro de traballo e que o período de disfrute comece en luns.
Rebaixaríanse, tamén, os pagamentos das horas extra, pasando no caso das ordinarias dun 75% ao 50%, e no caso de domingos e festivos do 125% ao 75%.
Licenzas e permisos
A patronal quere que os dous días de asuntos proprios sen demora pasen a partir agora a requerir xustificación. Tamén que os catro días de permiso por falecemento, accidente ou hospitalización para parentes de até segundo grao teñan vigor unicamente para o primeiro grao, ficando os de segundo con dous.
Compensación por desistimento de traslados
Até o momento, esta indeminzación supón o equivalente salarial de 40 días por ano de servizo, cun máximo de 30 mensualidades. Coa proposta empresarial pasaría a 20 cun tope de 12 meses, o que facilita un mecanismo encoberto de despedimento.
Contratos a tempo parcial e horas extra
Contrastando con todas estas regresións, para as centrais é fulcral a regulación dos contratos a tempo parcial -que atinxen por volta dun cuarto do total- incrementando e regulando as horas complementarias e regulando as horas extra.
Asembleas multitudinarias
Vigo, Pontevedra e Vilagarcía acolleron o domingo pasado asembleas multitudinarias convocadas de forma conxunta por CIG (central maioritaria, co 39%), UGT, CCOO e USO, concluíndo non só que “non se tolerarán rebaixas ao convenio vixente”, se non que calquera nova proposta “será votada de xeito colectivo polos traballadores e traballadoras do sector”.
Deste xeito, e se a actitude patronal non muda radicalmente, “non descartan a convocatoria de folga”, que no caso de efectivizarse “podería ter lugar a inicios de decembro”, segundo a CIG-Servizos.
Con todo, desde a federación agardan que o empresariado rectifique na súa tentativa de precarizar aínda máis os máis de 20.000 traballadores/as de supermercados -excluíndo os de convenio propio estatal, como Mercadona, LIDL, Carrefour ou Alcampo- mercados, peixarías, carnizarías ou froitarías, entre outras, aos que afecta este convenio de ámbito provincial.