“Non quero o teu piropo, quero o teu respecto!”
Delegados/as da CIG mobilizáronse hoxe diante do Xulgado do Social de Vigo coincidindo coa celebración do xuízo para dirimir o recurso presentado pola central sindical contra a amoestación a unha empregada do Centro Industrial do Porriño de Nueva Pescanova que denunciou acoso sexual e laboral na empresa.
Durante a concentración solidaria coa traballadora afectada despregouse unha faixa na que se podía ler 'Na túa empresa tamén hai violencia' e berráronse consignas como “Non quero o teu piropo, quero o teu respecto”, “Pescanova, escoita, estamos en loita” ou “O sistema patriarcal, a raíz do noso mal”.
O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Vigo, Suso García, censurou o que está a acontecer con esta traballadora, “que é unha vítima pero queren convertela en culpábel”, o que ao seu xuízo exemplifica a dobre vitimización das mulleres que padecen acoso.
García amosouse tamén moi crítico coa dirección de Nueva Pescanova, á que acusou de actuar de xeito hipócrita: “moito lazo violeta e moito discurso, pero logo dentro da fábrica pasa o que pasa, seguen a darse comportamentos denigrantes e discriminatorios coas compañeiras, e a empresa non ten moito interese en rematar con eles”.
De feito, segundo explica, as empregadas de produción cobran de media un 35% menos que os seus compañeiros homes. “Aprobaron un plan de igualdade coa complicidade de CCOO e UGT que nin a CIG, nin a CUT nin a USO asinamos por insuficiente e ilegal, xa que a empresa segue a facer caso omiso aos requirimentos da Inspección de Traballo para que entregue a documentación sobre os salarios do cadro de persoal, polo que tivemos que volver e presentar denunciar diante da autoridade laboral”, indica.