"Non podemos consentir que nos despidan por enfermar". A CIG convoca tres novas xornadas de folga en Extel
A sección sindical da CIG ten en marcha un intenso calendario de accións para enfrontar o novo recorte de dereitos aplicado por Extel, que ataca directamente a saúde dos traballadores e das traballadoras limitando o uso das horas médicas, eliminando os partes de repouso, obrigando a coller unha baixa aínda que sexa dun só día (co conseguinte prexuízo económico) e o máis grave de todo, empregando esta estratexia para xustificar despedimentos en base a un suposto absentismo. Non hai que esquecer que Extel (do grupo Adecco e que presta servizos para Movistar) xa despediu até o momento a catro traballadores e traballadoras acolléndose ao artigo 52d do ET, "é dicir, despediu a catro compañeiras e compañeiros por enfermar".
Neste contexto, a CIG ten convocado un novo calendario de folgas de 24 horas para os mércores 8 xaneiro, 5 de febreiro e 4 de marzo, dando continuidade así á xornada de paro desenvolvido o pasado luns, que tivo un seguimento superior ao 95%.
O único fin da empresa é executar despedimentos por absentismo"
Ademais, a central xa interpuxo conflito colectivo contra o cambio unilateral de criterio da empresa sobre a validación dos partes médicos e o uso das horas médicas recoñecidas por convenio, do que se celebrará o acto de conciliación no SMAC o venres 27 de decembro. Xunto a isto, as delegadas e delegados da CIG esixirán a retirada das medida adoptadas por Extel en cada unha das reunións dos distintos organismos nos que teñen presenza, como é o caso do comité de seguridade e saúde.
Unha "carreira de fondo"
"Este conflito é unha carreira de fondo, polo que continuaremos a loita contra Extel até que rectifique nas súas actuacións ou haxa unha sentenza xudicial", subliñan. Advirten que o obxectivo final da empresa é "aplicar un ERE encuberto a baixo custe", xa que a reforma laboral do PP facilitou os despedimentos obxectivos por baixas laborais de curta duración, aínda que estean debidamente xustificadas, e polo tanto coa indemnización mínima.
Continuaremos a loita contra Extel até que rectifique nas súas actuacións ou haxa unha sentenza xudicial"
Logo do aval dado polo Tribunal Constitucional a esta lesiva disposición, Extel axiña buscou como aplicala, cambiando o criterio seguido até agora na validación dos xustificantes médicos por repousos e obrigando así ao persoal a coller baixas de un día, "co único fin de executar despedimentos por absentismo". A empresa dá unha mostra máis da súa ruín política laboral, baseada na precarización e a explotación dos traballadores e traballadoras.
Loita tamén na negociación colectiva
"Non podemos consentir que nos despidan por enfermar", asevera a sección sindical da CIG, quen lembras as múltiples facilidades que xa existen no convenio estatal dos centros de chamadas para deixar na rúa o persoal. "Algo que dende a CIG tentaremos combater tamén na mesa que se vén de constituír en Madrid para a negociación do novo convenio".
Non obstante, a CIG, maioritaria en Galiza, segue a defender un marco galego de negociación, para que non se afaste a toma de decisións; para que a negociación sexa máis beneficiosa para o persoal do sector e para que a representatividade se axuste á realidade galega.