A CIG de Vigo, diante da CEP: “Non máis mortes no traballo!”
Máis de medio cento de delegados/as sindicais da CIG de Vigo desenvolveu hoxe unha concentración diante da sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) ao berro de “Non máis mortes no traballo” para denunciar o aumento da sinistralidade laboral, especialmente na provincia de Pontevedra, reclamar a adopción de medidas urxentes, e instar a empresas e administracións a facer cumprir a lexislación e intensificar os controis en materia de seguridade e saúde laboral.
A central sindical aproveitou a próxima celebración do Día Internacional da Seguridade e Saúde no Traballo, que terá lugar este domingo día 28, para trasladar á rúa a gravidade dunha problemática que xa se cobrou 13 vidas no que vai de ano no conxunto do país, 11 delas na provincia de Pontevedra.
O secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, sinalou que o feito de ter desenvolvido a protesta diante da CEP responde a que “non se trata de mortes casuais nin son unha maldición divina, senón que teñen responsábeis: por unha parte a patronal, ao non aplicar a lexislación vixente nin cumprir as normas de seguridade e mantendo unhas condicións de precariedade co único obxectivo de aumentar o beneficio das súas empresas”.
E pola outra a propia administración pública, “que mira para outro lado”; como é o caso da Inspección de Traballo, “xa que a pesar de que é certo que conta con menos medios para desenvolver o seu labor con eficacia, os que ten tampouco os utiliza”. Neste senso, asegurou que a central sindical “está farta” de presentar denuncias por incumprimentos en materia de prevención e seguridade e saúde laboral e que non actúen, “facendo unha deixadez absoluta de funcións”.
Gonçalves amosouse tamén moi crítico co papel da Xunta, “que ten plenas competencias na materia pero que tampouco pon enriba da mesa as medidas necesarias para atacar o problema”, a pesar de que Galiza é a comunidade con maior índice de sinistralidade laboral de todo o Estado español. “Até o punto de que unha persoa traballadora galega ten o dobre de posibilidades de morrer ou de sufrir un accidente grave ou moi grave no seu posto que calquera outra do resto do Estado”.
Para rematar quixo deixar moi claro que “estamos cansos/as de minutos de silencio, cremos que é momento de actuar, porque para nós a loita contra a precariedade e polo cumprimento das medidas de prevención, seguridade e saúde no traballo é un obxectivo fundamental”.