Non hai respostas sinxelas ao problema dos refuxiados e a inmigración

James Petras - 03 Abr 2017

A inmigración no século XXI é radicalmente diferente ás vagas anteriores de emigrantes. A emigración actual é un produto directo das guerras imperiais, nas que o terror, os asasinatos e a destrución deliberada das institucións sociais obrigaron ao desprazamento a decenas de millóns de persoas, máis refuxiados que inmigrantes.

Introdución

 O movemento a través das fronteiras de millóns de emigrantes provoca profundas divisións políticas, violencia e un aumento dos movementos de masas que se enfrontan á unidade da Unión Europea (UE) e desafían a supervivencia dos partidos políticos dominantes en Europa e Estados Unidos.

 Tanto os movementos e partidos progresistas a favor da inmigración como aqueles de dereitas que se opoñen a ela propoñen solucións sinxelas e atacan os seus adversarios con diatribas políticas. A dereita e a esquerda enguedéllanse nunha guerra perdida, baseada en omisións históricas, supostos abstractos e confusos e propostas destrutivas.

 Neste artigo, procederei a esbozar un marco que nos permita comprender as implicacións políticas, económicas e de seguridade que forman a clave para afrontar a inmigración.

O pasado e o presente

 Sie queremos acometer un debate serio sobre a inmigración, é preciso centrarse en dous factores fundamentais: o tempo (momento histórico) e o lugar, que actúan fomentando o fluxo e a absorción dos inmigrantes.

 No pasado, a inmigración prosperou en períodos nos que os países experimentaban: (1) un crecemento rápido da produción; (2) un aumento da demanda de man de obra; (3) unha actividade sindical capaz de integrar novos traballadores (inmigrantes) e protexer os índices e as condicións salariais existentes para todos; (4) unha cooperación e solidariedade intersectorial da man de obra que diminuía os conflitos entre traballadores nativos e inmigrantes; (5) programas asistenciais inclusivos e equitativos; (6) guerras locais, non globais; e (7) unha violencia limitada ao exterior de Estados Unidos e a UE. Nos devanditos períodos, os maiores receptores de inmigrantes eran Europa e América do Norte.

 Estas condicións non abondaban para eliminar a competencia e o conflito, pero si para limitar a súa natureza e marco temporal e posibilitar unha integración satisfactoria.

 Se estas condicións sentaban as bases para unha inmigración relativamente apracíbel, a súa ausencia intensificou o conflito ao producirse un crecente fluxo de inmigrantes, provocando graves problemas políticos. Os progresistas, que se remiten ao modelo de inmigración de Ellis Island(1), ignoran as actuais condicións socioeconómicas desfavorábeis, negándose a aceptar os enormes cambios socioeconómicos e políticos ocorridos desde aquela que fan tremendamente difícil a absorción de novas vagas de inmigrantes.

Inmigración en masa e guerras imperiais

 A inmensa maioría dos refuxiados de hoxe en día foxen das guerras promovidas por Occidente. Trátase de “guerras totais”, deseñadas para destruír a poboación civil e non só as institucións e estruturas militares. Nos últimos vinte anos, EUA e a UE iniciaron sete guerras devastadoras que acabaron coas vidas do que até ese momento eran familias cohesionadas e produtivas, cos seus fogares e as súas granxas, os seus empregos, as súas institucións e a súa seguridade. Millóns de persoas foron forzadas ao exilio.

 A inmensa maioría dos novos emigrantes son refuxiados dos países atacados por EUA e a UE e o seu sufrimento non ten un final á vista. Durante a Segunda Guerra Mundial e a súa posguerra, os refuxiados experimentaron enormes sufrimentos, pero polo xeral foron absorbidos ou repatriados e integrados na reconstrución dos seus fogares e sociedades. Esta transición viuse favorecida pola gran escaseza de man de obra (máis de 40 millóns de persoas, homes na súa maioría, morreron na Segunda Guerra Mundial!) e pola demanda económica que esixía a reconstrución de posguerra. No devandito período histórico, os movementos pacifistas occidentais conseguiron limitar o alcance e a duración das guerras. Hoxe en día, eses movementos desapareceron. As guerras actuais deséñanse para seren interminábeis e totais, en termos da destrución da infraestructura civil e as institucións nacionais.

 Nos últimos vinte anos, os movementos a favor da paz desapareceron. Iso débese en gran parte a que as guerras potenciadas por Estados Unidos e a UE cada vez se basean máis no uso de bombardeos devastadores e masivos, xa sexa desde o aire ou desde buques da armada, que reducen moito as baixas occidentais. A meirande parte dos movementos contra a guerra nutríanse da ira producida no seo dos diferentes países cando os seus propios soldados regresaban a casa en bolsas para cadáveres.

 Actualmente, as condicións económicas internas deterioráronse extremadamente. Os réximes capitalistas impuxeron políticas económicas brutais que aumentaron o desemprego e o traballo temporal mal pago. O desemprego achégase ao 50 % entre os mozos de Europa meridional, unha rexión inundada de refuxiados desesperados.

 Ademais, as políticas imperiais non deixaron de aumentar o gasto militar destinado ás guerras á vez que impoñían medidas de austeridad, recortando os programas sociais internos.

 Neste contexto, os novos emigrantes, especialmente os refuxiados das guerras imperiais, entran en competencia polos reducidos recursos públicos e os salarios drasticamente minguados. Esta competencia empuxa á baixa os salarios para todos os traballadores, facilitando enormemente as condicións para que se produza unha explotación brutal.

 A intensa competencia polo emprego entre traballadores nativos e inmigrantes é consecuencia das guerras capitalistas e das deliberadas políticas económicas internas para pagar as devanditas guerras. Todo iso crea unha maior inseguridade e acelera a mobilidade descendente experimentada pola clase obreira e a clase media baixa.

 No pasado, cando se producían ese tipo de presións e condicións, os traballadores protestaban, organizaban a resistencia e a loita de clases. Na actualidade, os sindicatos deixaron de unificar a traballadores antigos e novos para crear unha forza poderosa que se opoña aos peores excesos do capital. A afiliación sindical caeu vertixinosamente. Os líderes sindicais cambiaron a militancia e a independencia por alianzas interesadas cos políticos capitalistas. Os sindicatos xa non protexen os intereses básicos dos obreiros e as súas familias, limítanse a seguir as iniciativas dos partidos “progresistas” pro-inmigrantes que son un brazo da clase gobernante capitalista-militarista.

 Os traballadores non son racistas cando se resisten a unha maior deterioración dos seus ingresos e o seu nivel de vida: intentan protexer o seu emprego e os beneficios e programas asistenciais para as súas familias nunha contorna de crecente inseguridade e explotación capitalista.

 No pasado recente, os traballadores podían confiar en ter empregos estábeis e salarios crecentes grazas a unha potente economía industrial interna. Eses mesmos traballadores, a quen agora se cualifica de “racistas”, adoitaban aceptar aos traballadores inmigrantes nas súas fábricas, as súas escolas e os seus barrios. Pero iso era decenios antes de que considerasen a multitude de refuxiados e inmigrantes destituídos que foxen das guerras e a destrución causadas por EUA-UE como unha ameaza ao seu sustento e ao futuro dos seus fillos.

 A diferenza do pasado, cando o capital internacional transportaba as materias primas extraídas no estranxeiro até a metrópole para que fosen procesadas polos fabricantes locais, hoxe en día, as multinacionais deslocalizaron as súas industrias a países de salarios baixos, provocando con iso a perda de empregos internos e o descenso do nivel de vida. Importadores e minoristas como Wal-Mart empregan os traballadores desprazados ofrecéndolles pagas mínimas sen beneficios sociais e traballo eventual.

 O “libre comercio” non é realmente comercio: en realidade baséase nun movemento unidireccional de saída de investimentos e empregos e na retención dos beneficios en paraísos fiscais.

 Subvencionadas polo goberno estadounidense, as multinacionais de agroalimentación de alta tecnoloxía minguaron a soberanía alimentaria do “Terceiro Mundo”, forzando á emigración masiva os campesiños, que forman deste xeito unha base para competir cos traballadores nativos e reducir salarios en EUA e UE.

 Os progresistas cando din, a posteriori, que os inmigrantes se limitan a asumir os traballos desagradábeis e mal pagos que os traballadores locais rexeitan. Pero a realidade é máis complexa: noutros tempos, a meirande parte dos inmigrantes accedían en pouco tempo a traballos cun salario decente e adoitaban ser aceptados polos traballadores estadounidenses.

 Houbo un tempo en que os traballadores das empresas procesadoras de carne tiñan un bo soldo e o apoio dos sindicatos. Despois, os sindicatos perderon algunhas loitas cruciais e os capitalistas reduciron os salarios, ás veces até o 50 %. Os que foran lugares de traballo ben regulados e estritamente protexidos deterioráronse drasticamente. Este devalarveu acompañado da chegada e contratación de inmigrantes non cualificados de México e América Central. Hoxe en día, o sector de procesamento cárnico está entre os máis perigosos e chega mesmo a empregar inmigrantes menores de idade. A mesma pauta de deterioración de salarios e condicións e de substitución por man de obra inmigrante se produce nos sectores da construción, xardinaría, téxtil, transporte, venda polo miúdo, fontanaría, etc.

 Recentemente, millóns de mozos traballadores víronse obrigados a emigrar dos seus fogares por mor das destrutivas guerras imperiais que devastaron a seguridade nos seus respectivos países ao eliminar calquera estrutura nacional militar ou policial funcional e calquera posibilidade de emprego e de futuro estábel para os mozos. Os antigos comandantes ou soldados cuxas familias quedaron esnaquizadas polas guerras imperialistas e aos que se desposuíu de calquera dignidade non teñen outra opción que a de engrosar as fileiras da resistencia, en grupos como o ISIS, ou a de unirse ás vagas de refuxiados.

 No seu impulso por converter o que no seu día foron nacións cohesionadas en estados tribais clientelares, as forzas invasoras de EUA e a UE e os seus réximes fantoche destruíron sistematicamente os partidos democráticos, laicos, nacionalistas ou socialistas das nacións situadas no seu punto de mira. No seu lugar abrollaron violentos movementos de resistencia islamistas ou cunha base étnica co fin de combater os invasores e os seus monicreques. É o resultado previsíbel e natural da política imperial destinada a destruír estados modernos a escala masiva.

 Como as guerras imperiais en países lindeiros destruíron toda esperanza de refuxiarse e emprender unha nova vida na rexión esnaquizada pola guerra, os novos movementos islamistas violentos adoptaron a súa propia “estratexia internacional”. As guerras imperiais foron iniciadas desde as afastadas capitais do imperio, Washington, Londres ou París, con bombas e mísiles, así que aos islamistas non lles queda outra alternativa que basear as súas estratexias militares e terroristas na poboación civil, dando lugar a gran número de baixas.

 Os violentos atentados yihadistas contra obxectivos civís en Occidente non son especificamente relixiosos nin están dirixidos á obtención de recursos económicos ou de poder. O obxectivo é gañar influencia política entre a crecente poboación inmigrante marxinada en Europa e socavar a capacidade e a vontade de EUA e a UE de continuar estas guerras interminábeis.

 No interior dos descoidados suburbios onde viven os inmigrantes, o número de simpatizantes destes atentados non pode senón medrar. Iso fará aumentar as esixencias dos encabuxados e asustados cidadáns occidentais, cada vez máis propensos a aceptar a solución política nacionalista de “drenar o lago” (os inmigrantes) para “atrapar o peixe” (os terroristas). Os programas antiinmigración e a policía antiterrorista mestúranse coa crecente inseguridade económica interna e o sentido de desprazamento cultural e nacional que experimentan as comunidades tradicionais e homoxéneas de clase obreira situadas nas proximidades dos grandes barrios de inmigrantes. As medidas de austeridade cada vez máis severas impostas polos réximes neoliberais exacerban en gran medida a situación.

 Os denominados partidos e movementos liberais favorábeis á inmigración ignoran o fráxil tecido sociocultural das comunidades locais. Non fixeron nada para protexer as comunidades vulnerábeis das políticas capitalistas que literalmente “botaron” inmigrantes en áreas e rexións incapaces de mantelos ou absorbelos. Os líderes políticos destes partidos atópanse, polo xeral, lonxe das devanditas comunidades e inmunes á crecente competencia polos escasos empregos e recursos. Para moitos políticos, burócratas, e mesmo xestores de ONG, “os seus inmigrantes” son traballadores domésticos, cociñeiros, coidadores, xardineros, que serven directamente aos estratos máis acomodados da sociedade. Porén, as masas de refuxiados e inmigrantes desarraigados viven preto dos traballadores locais, compiten con eles por postos de traballo e comparten con eles clínicas, escolas e servizos sociais ateigados, en condicións dunha crecente escaseza.

 A clase gobernante colabora con funcionarios sindicais moi domesticados e unha segunda xeración de líderes inmigrantes “asimilados” para “pacificar o descontento interno” mediante programas multiculturais e toda unha variedade de obradoiros de formación na diversidade obrigatorios para traballadores e barrios, sen chegar a afrontar as cuestións de clase relacionadas co deterioración do nivel de vida e a perda de perspectivas de futuro emprego para os fillos dos traballadores locais.

 É natural que as comunidades de clase traballadora e media baixa pechen filas sobre bases étnicas, rexionais e relixiosas, porque carecen de líderes de clase exemplares. Son así susceptíbeis de vérense atrapados polas chamadas de líderes e políticos nacionalistas-populistas ou antiinmigración, malia que os devanditos partidos se asocian desde hai tempo coa extrema dereita. Coa notábel excepción da dirixente francesa, Marine Lle Pen, que combina habilmente unha profunda comprensión das tendencias socioeconómicas francesas coas súas políticas restritivas á inmigración, a meirande parte dos populistas occidentais contrarios á inmigración canalizan o resentimento xeneralizado dos traballadores nativos causado pola súa mobilidade descendente culpando os inmigrantes.

 Os violentos ataques nos medios de comunicación destes políticos liberais aos traballadores que viron prexudicado o seu modo de vida por mor dos programas neoliberais e as consecuencias xerais das guerras imperiais, acusándoos de racismo, non fan nada para combater o imperialismo e a explotación de clase. E, con toda seguridade, non axudan os inmigrantes. As denuncias dos intelectuais de clase media que viven nos estados costeiros máis acomodados e urbanizados contra os traballadores estadounidenses e os cidadáns rurais marxinados que votaron polo presidente Trump mostran un profundo descoñecemento dos drásticos cambios sufridos neste país. En Europa e Estados Unidos, empregados e activistas relacionados con ONG liberais acoden como aves de rapina aos inmigrantes, labrándose as súas pequenas carreiras “educándoos” e suplicando aos residentes locais de barrios deteriorados que se unan a eles para “compartir” a celebración da “diversidade” dirixida pola clase dominante (ou o “multiculturalismo do sufrimento”).

Conclusión

 A inmigración no século XXI é radicalmente diferente ás vagas anteriores de emigrantes. Resulta unha manipulación comparar o actual desprazamento de millóns de refuxiados de guerra coa época de Ellis Island en Estados Unidos ou coa situación de reconstrución masiva que se produciu en Europa tra a Segunda Guerra Mundial. A emigración actual é un produto directo das guerras imperiais, nas que o terror, os asasinatos, os ferimentos e a destrución deliberada das institucións sociais obrigaron ao desprazamento a decenas de millóns de persoas, máis refuxiados que inmigrantes.

 Mentres isto ocorre, a explotación capitalista extrema, a exportación de capital e empregos e as políticas de austeridade nos países do imperio provocaron a indignación de traballadores e empregados de clase media baixa, cuxos niveis de vida sufriron un importante descenso. A combinación forzada desas dúas enormes vagas, os millóns de refuxiados e emigrantes desposuídos e os traballadores e cidadáns occidentais marxinados e cada vez máis ameazados, converteuse no núcleo de profundos conflitos entre capitalistas e traballadores en EUA e a UE. Tanto progresistas como reaccionarios enmascaran as cuestións fundamentais de clase desviando a atención pública ao tema do “racismo” e os “inmigrantes”.

 A longo prazo, Occidente debe afrontar este perigoso fenómeno organizando un movemento pacifista amplo e militante que se opoña ás guerras imperiais que provocan estas vagas de refuxiados desesperados. Os sindicatos, as cooperativas e os movementos sociais locais ou nacionais deben organizar os desempregados e os traballadores precarios para loitar contra a perda de empregos, o saqueo da riqueza nacional, a masiva evasión de impostos dos capitalistas e a desindustrialización da economía nacional. É preciso nacionalizar os bancos e reservar suficientes fondos públicos para a sanidade e a educación, reducindo o enorme orzamento bélico actual. Os inmigrantes que decidan asentarse nos seus novos países deberían intentar integrarse por completo, rexeitar a dobre nacionalidade e as dobres lealdades e denunciar as organizacións que actúan como “quinta columna” para facer proselitismo de ideoloxías etnorrelixiosas no estranxeiro.

 En última instancia os pobos desarraigados deben optar por quedar e pelexar en lugar de escapar. Deben implicarse na resistencia ante a ocupación imperial dos seus territorios en lugar de aceptar a submisión e as indignidades que sofren no estranxeiro. O papel dos cidadáns occidentais é o de apoiar estas loitas opoñéndose aos seus propios líderes militaristas.

 Non existen respostas sinxelas á emigración masiva mais as súas causas si están claras, do mesmo xeito que os obxectivos para evitar que se repita no futuro.

________________________________________________________________________

Notas:

(1) Ellis Island é un pequeno illote situado á entrada do porto de Nova York que serviu de punto de acollida dos centos de miles de emigrantes que acudiron a Estados Unidos a comezos do século XX. Alí eran inspeccionados tanto médica como legalmente. Deixou de funcionar como tal en 1954. (N. do T.)

________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 1 de abril de 2017]