Non é o lume, é o capitalismo

Katu Arkonada - 04 Set 2019

O debate sobre o modelo de desenvolvemento é un dos grandes pendentes que temos como humanidade. O equilibrio entre o dereito ao desenvolvemento, a sacar por centos de millóns de persoas da pobreza, e os dereitos da Nai Terra, é un debate aínda non resolto

 O modo de produción capitalista só se pode manter a custo da explotación das persoas e da natureza. A economía financeirízase e uberízase, explotando a unha cada vez maior porcentaxe da poboación mundial, ao mesmo tempo que a minaría e o agronegocio van destruíndo as nosas montañas, lagos e montes, fundamentais para regular o clima e fornecer de alimentos e auga.

 Ao mesmo tempo, e como ben sinalaba Gramsci, é nos momentos de crise como este, onde o vello non acaba de morrer e o novo non acaba de nacer, onde xorden os monstros. A trumpización da política é xa unha realidade.

 É por todo o anterior polo que, en Brasil, e tras a aplicación dun golpe parlamentario contra Dilma e o lawfare contra Lula, xurdiu un monstro como Bolsonaro, que avanza a paso firme na destrución social e ambiental do país máis grande, xeográfica e economicamente, de América Latina.

 Os incendios que sucan a Amazonia, pulmón do planeta, son a cristalización do novo tempo que nos toca vivir. Son máis que un síntoma, son a metástase deste mundo de monstros rexido polo modo de produción capitalista.

 En primeiro lugar, non podemos obviar que Bolsonaro chegou ao goberno apoiado pola coalición BBB (Biblia, Bala, Boi), a unión de sectores evanxélicos, milicias paramilitares e agronegocio. E a eles débese e para eles está modificando as leis. No caso do agronegocio, recompensouno entregándolles o control sobre Agricultura, Medio Ambiente e Pobo Indíxenas.

 O resultado: ao redor de 75.000 incendios na Amazonia nos menos de 250 días que Bolsonaro leva no goberno, a maioría deles provocados co obxectivo de deforestar bosque amazónico e espallar o territorio do agronegocio, incendios que xa afectaron máis de 3.000 km2 de superficie.

 A desfeita ambiental é xa un feito nun Amazonas que coa súa soa existencia impide a desertificación de toda a súa conca, conformada por 8 países: Brasil, Bolivia, Perú, Colombia, Ecuador, Venezuela e Surinam. Un Amazonas que produce un 20% do osíxeno que respira o planeta, e captura así mesmo outro 20% de CO2, que é emitido á atmosfera na medida en que as árbores se van queimando, aumentando o quecemento global.

 Pero antes da destrución ambiental, e en menos de 9 meses de goberno, Bolsonaro xa consumou unha destrución social en Brasil. A ofensiva contra os dereitos sociais non ten precedente. Desde a defensa da ditadura militar ou a tortura, á legalización de facto da posesión de armas, a flexibilización laboral, o recorte ás pensións ou a privatización da educación universitaria.

 En calquera caso, que as pólas non nos impidan ver o monte (se é que non se queima antes).

 O debate verbo da queima da Amazonia está cargado de hipocrisía. Desde quen nunca denunciou o encarceramento de Lula (xermolo da traxedia social e ambiental que vive Brasil hoxe), até veganos que critican a quen consume carne, pero non denuncian a explotación laboral da clase traballadora, especialmente quen no agro produce os vexetais que consumimos nas cidades. Por non falar, nun plano máis estrutural, da hipocrisía dos países do Norte que queren converter os países do Sur nos seus gardabosques. Un Norte que puido medrar e facer as súas revolucións industriais e tecnolóxicas a custo da explotación dos pobos e recursos naturais do Sur.

 O debate sobre o modelo de desenvolvemento é un dos grandes pendentes que temos como humanidade. O equilibrio entre o dereito ao desenvolvemento, a sacar por centos de millóns de persoas da pobreza, e os dereitos da Nai Terra, é un debate aínda non resolto.

 Mais é un debate no que as responsabilidades deben ser compartidas, pero diferenciadas entre Norte e Sur. O 10% máis rico da poboación xera o 50% das emisións de CO2, mentres que o 50% máis pobre da poboación mundial xera apenas o 10% das emisións. Está claro quen son os responsábeis do problema e quen deben ser os primeiros en buscar solucións.

 Entrementres, algunhas certezas si temos. A solución non pasa por ningún tipo de capitalismo verde, nin moito menos por solucións individuais que satisfagan as nosas conciencias, pero non xeren cambios estruturais. As solucións deben ser colectivas, e pasan por reformular o modelo de desenvolvemento e modo de produción capitalista, para nos preocuparmos pola supervivencia da Nai Terra, entendida esta como a unión entre a humanidade e a natureza coa que compartimos o planeta.

 Tiña razón Fredric Jameson cando dicía que é máis doado imaxinar a fin do mundo que a fin do capitalismo. Esa é a gran vitoria cultural dun sistema que parece entrar nunha obsolescencia non programada. Aínda que é probábel ao paso que imos que antes se consuma o planeta, e con el a humanidade enteira.

 Pero mentres haxa unha físgoa de esperanza para a acción, non nos confundamos, non é o lume, é o capitalismo.

 

[Artigo tirado do sitio web Telesur, do 1 de setembro de 2019]