"Non calaremos ante os abusos, os despedimentos e a perda de dereitos"
Os traballadores e as traballadoras da plataforma de Atento na Coruña volveron este luns saír ás rúas para denunciar as condicións precarias e os abusos que teñen que soportar e para esixir da empresa unhas condicións laborais e o cese das ameazas e os despedimentos.
O persoal secundou paros laborais de dúas horas por quenda de traballo e dúas mobilizacións coincidindo coas folgas parciais: unha concentración pola mañá e unha manifestacións polas rúas próximas ás oficinas de Atento durante a tarde.
Atento incumpriu todos os puntos do acordo
Os motivos para continuar coas mobilizacións, explica a sección sindical da CIG en Atento, son os mesmos que levaron ao comité a convocar protestas ininterrompidas o pasado 28 de maio: presións para cumprir uns obxectivos imposíbeis; falta de tempo administrativo e entre chamadas; aplicacións e ordenadores obsoletos; imposición dun protocolo de vacacións ilegal e que incumpre o establecido no convenio colectivo; e novos despedimentos.
A este respecto, subliñan que nos últimos dous meses Atento despediu por causas inxustificadas a 11 traballadoras e traballadores, das que 8 estaban en situación de baixa médica. Un proceder empresarial que cualifican de "ruín e noxento", pois cómpre ter en conta que son as propias condicións laborais e as presións exercidas pola empresa as que levan o persoal a caer enfermo.
As protestas seguirán adiante
De maio a outubro do pasado ano, o persoal de Atento realizou protestas os luns de todas as semanas até que finalmente se chegou a un acordo coa empresa no AGA. Porén, a empresa incumpriu todos os puntos recollidos nese documento, dándoo ademais por cumprido. Diante desta situación, CIG e CGT decidiron retomar os paros e mobilizacións para esixir da empresa que atenda as demandas sociais e "deixe de desmantelar aos poucos a nosa plataforma".
"En Atento A Coruña continuamos mobilizándonos e non deixaremos de facelo até que Atento deixe de amedrentarnos, escravizarnos, despedirnos e enfermarnos", aseveran. Deste xeito, xa está convocada unha nova xornada de paros e mobilizacións para o luns, 25 de marzo.