Non ao peche do Banco Pastor: basta de espolio e destrución de emprego
Delegados e delegadas da CIG mobilizáronse este xoves diante da oficina principal do Banco Pastor nos cantóns da Coruña en rexeitamento á decisión do Banco Santander de liquidar á histórica entidade financeira, eliminando a súa ficha bancaria e a estrutura propia. Isto suporá o desmantelamento dunha das entidades sistémicas de Galiza, con importantes consecuencias para o noso país a nivel laboral, social e financeiro.
Na xuntanza da pasada semana, o Banco Santander comunicou que, a máis tardar, no cuarto trimestre deste ano será efectiva a integración xurídica das tres entidades (Santander, Popular e Pastor) e a desaparición como entidade do Banco Pastor e da súa estrutura. Segundo as informacións trasladadas pola dirección, o proceso de integración xurídica realizarase en dúas fases: primeiro, o Banco Pastor será absorbido polo Popular que posteriormente pasará a integrarse no Santander. A integración operativa (rede de oficinas) está prevista para 2019.
Ocupación das oficinas
Ao inicio da protesta diante do Banco Pastor, os delegados e delegadas da central ocuparon durante unha media hora as oficinas da entidade coreando consignas contra o desmantelamento do Pastor, en defensa do emprego, e para esixir a intervención do Goberno galego neste novo espolio ao noso sector financeiro.
"Na CIG saímos á rúa para protestar por esta decisión porque entendemos que ten que haber unha filial galega como até agora, que tribute en Galiza, que teña en conta o tecido produtivo do noso país e as peculiaridades do noso territorio, especialmente no ámbito rural, garantindo que haxa un acceso ao sector bancario en todas as vilas e cidades da nosa nación", denunciaba Maite Freire, delegada da CIG na entidade.
Pasividade do Goberno galego
Dado o impacto negativo que sobre o emprego e a economía galega terá o desmantelamento do Pastor, a CIG-Banca reuniuse cos grupos parlamentares para amosar a súa preocupación e solicitoulles que trasladaran unha pregunta ao Goberno galego interesándose polas xestións realizadas pola Xunta a este respecto. A secretaria da Sección Sindical da CIG no Pastor, Rosa Conde, lembra que o pasado mes de xullo, cando o Banco Santander mercou por un 1€ o Grupo Popular-Pastor, o propio Feijoo se comprometeu a mediar coa dirección da compañía para que esta filial de Banco Pastor e a súa estrutura financeira se mantiveran en Galiza.
Porén, até o momento nada de sabe desas posíbeis xestións e, de existiren, non foron positivas para Galiza. Por iso, a CIG-Banca demanda un pronunciamento a este respecto por parte dos máximos responsábeis políticos galegos sobre esta desaparición da filial de Banco Pastor polo que suporía para a economía galega.
Consecuencias para o emprego
Sobre as repercusións no emprego, Conde sinala a duplicidade de oficinas que existe en practicamente todas as localidades, polo que, previsibelmente, a integración operativa da rede de oficinas levará aparellada unha reestruturación e peche de centros da que, polo momento, se descoñece o alcance. "En Galiza sumando o persoal de Popular, Pastor e Santander hai sobre 2.300 traballadores e traballadoras. E todo parece indicar que, atendendo a criterios puramente de rendibilidade, a integración terá no noso país consecuencias laborais importantes e negativas", advirte.
Pola contra, "dende a CIG defendemos que se manteña toda a rede de oficinas e todo o cadro de persoal actual", especialmente se temos en conta que xa se aplicaron expedientes colectivos de despedimento, que se están a producir contratacións a través de ETT en condicións precarias, que existe sobrecarga de traballo e que a realización de horas extraordinarias fraudulentas estase a converter en política habitual da empresa.
Externalizacións e precarización laboral
O proceso de integración, engade Maite Freire, tamén servirá de escusa para avanzar no proceso de externalización de servizos -como xa ocorreu co Centro de Procesamento de Datos de Orillamar (A Coruña)-, nos despedimentos e na precarización das condicións laborais. Neste senso denunciou que a pasada semana comezaron os despedimentos en Aliseda (xestora inmobiliaria do Popular), onde a dirección se desfixo do 30% do cadro de persoal.
"Dun total de 22 compañeiros e compañeiras do local da Coruña, 7 foron á rúa na mesma mañá. Durante catro horas os responsábeis de recursos humanos foron chamando persoa a persoa para comunicarlle que non daban ao perfil, e iso que cobraran o bonus por ter acadado os seus obxectivos", censura.
"A empresa cre que o medo, a presión e os despedimentos arbitrarios van facer que o persoal asuma aínda máis carga de traballo e traballe até a extenuación", denuncia. Fronte a isto, Freire chama a todo os empregados e empregadas da entidade a mobilizarse e saír á rúa "porque esta non é a única alternativa que temos. Se non protestamos van vir por nós de maneira gratuíta, silenciosa e fácil. Para a CIG esa non é unha opción", asevera.
Impacto na economía galega
Pero alén da destrución de postos de traballo, a desaparición do Banco Pastor como entidade terá un impacto directo negativo sobre a economía galega, xa que o banco ten a súa sede na Coruña e é nesta cidade onde tributa.
A disolución da entidade dentro da marca Santander supón a súa desaparición como marca comercial, mais tamén a supresión da estrutura que existe agora a nivel galego e que, aínda dependendo as decisións finais do ditado en Madrid, permite unha xestión máis próxima á realidade do noso territorio e ás necesidades específicas do noso tecido produtivo. "As decisións que tome o Santander en Madrid non terán en conta as nosas particularidades e iso suporá un impacto negativo na nosa economía", alerta Rosa Conde.
Neste liña, a CIG-Banca critica a pasividade coa que está actuar o Goberno galego, pois diante da desaparición da segunda entidade financeira máis representativa en Galiza "non semella existir preocupación ningunha por parte da Xunta. Xa desapareceron as caixas, van permitir que desapareza outra entidade financeira galega, e para beneficio de quen, das grandes multinacionais?", cuestionan.
Exclusión financeira nas zonas rurais
Doutra banda, Conde apunta ás diferenzas de criterio entre o Grupo Popular e o Santander, xa que a primeira entidade iniciara o pasado ano un proceso para impulsar a súa filial, segregando parte dos seus activos e integrando practicamente todas as oficinas do Popular baixo a marca Pastor. Pola contra, a empresa presidida por Ana Patricia Botín, alegando cuestións de racionalización dos recursos humanos e da estrutura, ten en marcha unha política de unificación das súas diferentes marcas para non admitir o mantemento do Pastor como entidade.
Unha política que a CIG entende como pouco habilidosa se o Banco Santander quere manter a cota de mercado que conseguiu en Galiza coa adquisición do Grupo Popular-Pastor. A este respecto, a sindicalista alerta do agravamento da exclusión financeira que se pode producir entre a poboación do rural, pois, xunto con Abanca, o Pastor é a única entidade con presenza nas zonas rurais. Porén, o plan de negocio desenvolvido polo Santander basease no estabelecemento de oficinas grandes, dixitalizadas e centralizadas nas zonas urbanas.
Porén, apunta Maite Freire, este modelo non é o que está a demandar a clientela, senón que é un modelo que a empresa impón. "Até o de agora o que definía a marca Pastor era a calidade na atención, mais agora temos instrucións para enviar as e os clientes ao caixeiro e á banca multicanle. A dixitalización non é unha realidade como nos di a empresa; é un traballo ao que están forzando mediante obxectivos ao empregados e empregadas das oficinas e a clientela protesta porque non quere ser atendida por máquinas".
Xuízo ao Santander por laminar a representación da CIG
Previamente á concentración no Cantón Pequeno, a CIG realizara unha concentración ás portas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza coincidindo co xuízo contra a decisión do Banco Santander de externalizar o persoal do Centro de Proceso de Datos (CPD) de Orillamar, privando así da súa condición de representantes legais do persoal ás delegadas e delegados da CIG que nas últimas eleccións ao comité provincial foran elixidos/as polos seus compañeiros e compañeiras.
Con esta decisión, "na práctica, o banco está eliminando a presenza da CIG no comité provincial, xa que é no CPD onde están tres dos catro delegados/as da central sindical", apunta Óscar Calvo, secretario da CIG-Banca na Coruña. Pero ademais, a empresa priva así os traballadores e traballadoras "de ter representación sindical efectiva ao suprimir a unha parte dos/as delegados/as electos. É dicir, o Santander está vulnerando un dereito fundamental".
A CIG-Banca denuncia que este non é un feito casual, senón que se trata dunha decisión premeditada do banco encamiñada a minorar a presenza da única central sindical "que presenta resistencia ás políticas de destrución de emprego que está a levar adiante o Banco Santander".
Engade Óscar Calvo que permitir este actuación do banco suporía abrir un perigoso precedente para que as empresas eliminen ao seu criterio á representación de persoal máis combativa e polo tanto, que lles resulta máis molesta. Neste senso, hai que lembrar que a CIG non asinou o último ERE do Banco Santander-Popular ao entender que non había motivos para aplicar un despedimento colectivo.
O ERE tiña ademais unha especial incidencia en Galiza e implicaba o despedimento e/ou externalización de case todos os empregos do CPD de Orillamar. Neste senso, a CIG manifestou en reiteradas ocasións a súa oposición á externalización deste persoal nunha empresa -que a súa vez é propiedade do Santander-, posto que o traballo se sigue desenvolvendo no mesmo lugar e polas mesmas persoas.
Esta externalización, na práctica, implica conxelar as condicións laborais e salariais deste persoal, que deixa de estar rexido polo convenio de banca e polas melloras que se apliquen neste marco ao resto do persoal da entidade, e suporá que todos os novos traballadores e traballadoras que se incorporen ao Centro de Proceso de Datos farano en peores condicións.