“Non á represión en Soremay!”
A federación de Servizos da CIG de Pontevedra desenvolveu hoxe unha concentración na residencia da terceira idade Soremay para rexeitar o despedimento dunha das súas delegadas no comité de empresa e denunciar a represión sindical por parte da dirección. A próxima mobilización terá lugar o vindeiro mércores día 11 no mesmo lugar e tamén ás 12:00 horas.
A protesta desenvolveuse a partir do mediodía diante das instalacións da compañía, na rúa Pedro Sarmiento de Gamboa número 3, no centro da cidade, ao berro de “Non á represión en Soremay”, “Contra a represión, mobilización” e “Soremay, escoita, estamos en loita”. Dende a central denuncian que se trata dun claro caso de represión sindical, polo que os seus servizos xurídicos xa traballan no recurso para reclamar a nulidade da rescisión de contrato “inxusta e arbitraria” que tivo lugar o pasado 28 de novembro.
Iván Veiga, da CIG-Servizos de Pontevedra, sostén que a decisión da empresa non ten fundamento algún no estritamente laboral, “xa que esta compañeira xamais tivo ningún tipo de queixa, nin por escrito nin de maneira verbal, con anterioridade ao despido”.
Por iso considera que o despido responde a unha represalia polo traballo sindical da traballadora, representante da CIG no comité de empresa.
De feito, a súa situación laboral mudou radicalmente no momento en que se inicia o proceso de eleccións sindicais na residencia, en marzo de 2022, saíndo elixidas delegadas pola CIG ela e máis outra compañeira. “Dende ese intre as dúas son sometidas a moitas presións, tanto pola xerencia como polas outras delegadas, de CCOO e UGT”.
Pero a situación empeora aínda máis cando no mes de xuño se produce un cambio de dirección na residencia, “a partir do que a xerencia somete a traballadora a un acoso e a unha persecución constante, como resposta á labor sindical que a despedida facía non seu centro de traballo co único obxectivo de defender os dereitos das súas compañeiras, recollidos no convenio colectivo”.
Vulneración do dereito de liberdade sindical
Neste senso, Veiga censura que as delegadas de CCOO e UGT, con maioría no comité de empresa, pretendesen acordar coa dirección aspectos que empeoraban o propio convenio colectivo, “como pode ser a limitación dos días de libre disposición, o cuadrante anual ou incluso temas tan graves como limitar o dereito individual de acollerse a unha adaptación ou redución de xornada por conciliación familiar”.
Ao mesmo tempo, considera que con este xeito de proceder “estase a xogar dunha maneira ruín co pan dunha traballadora e da súa familia”, ademais de estarse a producir unha vulneración do dereito fundamental de liberdade sindical. “E non só iso, xa que tamén se está a atentar contra o modelo sindical reivindicativo e combativo da CIG”.