A CIG-Servizos clama en Pontevedra: “Non á represión en Mercadona!”
Delegados/as da CIG-Servizos mobilizáronse onte diante do supermercado Mercadona da rúa San Mauro de Pontevedra para rexeitar o acoso que padece o seu representante no comité provincial “polo único motivo de pertencer á central sindical” e para denunciar os intentos da empresa de deixar a CIG fóra da negociación do convenio.
A protesta desenvolveuse a partir das 11:30 horas ao berro de “Non á represión en Mercadona” e coincidiu precisamente coa celebración dun xuízo tras a denuncia doutra traballadora por vulneración do dereito de liberdade sindical. Dende a central levan tempo advertindo do clima de represión laboral e sindical que se vive na compañía de alimentación, que se ten agudizada dende a entrada da CIG no comité hai un ano e sete meses.
Até o punto de que Mercadona está a manobrar agora para excluír os comités provinciais da negociación do convenio co obxectivo de apartar os sindicatos combativos para pactar con CCOO e UGT, que entre outras cousas, permiten o sistema interno de control e acoso instaurado pola compañía así como os excesos de xornada que padece o persoal.
No que ten que ver coas presións sobre o traballador delegado da CIG dende a central sindical detallaron que o afectado -que realiza funcións nas tendas e tamén se encarga da descarga de camións- foi apercibido e sancionado con 16 días sen emprego e soldo por unicamente terse quitado o cinto un breve intre. Este tipo de prácticas fan parte do mecanismo represivo que Mercadona utiliza para “controlar e coaccionar” o persoal e para desfacerse dos traballadores/as que reivindican os seus dereitos ou que por idade “xa non poden seguir o altos ritmos de traballo impostos”.
Un modelo que supón lexitimar o control e o abuso exercidos pola empresa, baseado na instauración dun “clima de terror” nos centros de traballo mediante sancións e apercibimentos non regrados, que son as actas. “Unha acta de Mercadona diferénciase das sancións contempladas no Estatuto dos Traballadores/as porque non ten tipicidade, non caduca e non prescribe, provocando unha situación de indefensión na persoa afectada”.
Outro método para coaccionar o persoal son as avaliacións individuais: entrevistas que a empresa lle fai os traballadores/as, e que repercuten directamente sobre un concepto salarial denominado prima. “Esta pode ser dunha ou de dúas mensualidades na masa salarial anual, e se suspendes estas entrevistas non cobras a prima. E se colles unha baixa por enfermidade común tampouco”.
Ademais, Mercadona pon tamén todos os atrancos posíbeis á hora de gozar de dereitos de conciliación, sendo a única empresa que limita o permiso de oito semanas non retribuídas mentres a crianza ten entre un e oito anos. “E cando colles unha baixa pásante polo servizo médico co único obxectivo de esgotarte, con presións para que abandones a empresa no caso de baixas de longa duración”.
Por todo isto, a CIG-Servizos continuará coas accións encamiñadas a garantir os dereitos do persoal e denunciará na Inspección de Traballo e nos tribunais a decisión da empresa de non reunirse cos delegados/as do comité de Pontevedra, algo que tamén estendeu aos comités da Coruña, Lugo e Ourense. “Temémonos que vai acontecer en todo o Estado español, nun claro caso de centralizar a negociación colectiva a través do comité intercentros”.
De xeito que non se van poder as problemáticas concretas e vai supoñer que os sindicatos combativos non esteamos representados. “Por iso acudiremos á Inspección de Traballo e aos tribunais para intentar que a empresa se vexa obrigada a dar marcha atrás nunha decisión que impedirá que os representantes lexitimamente elixidos poidan defender os dereitos e as condicións laborais dos seus compañeiros/as”.