No Hospital de Lugo: urxencias saturadas mentres se manteñen pechadas as camas de varias unidades
Urxencias saturadas e camas pechadas. Así se atopa o Hospital Lucus-Augusti, onde dende o pasado 1 de xullo permanecen inoperativas unha unidade de Medicina Interna e outra de Interna-Paliativos, a pesar de que a estas alturas xa deberían estar abertas. Esta nefasta xestión das camas, que a CIG-Saúde de Lugo denuncia "que se deixa ao máis puro azar", está a provocar situacións como a vivida na noite do domingo ao luns, cando "pasamos de ter camas libres á plena ocupación"
Esa noite, segundo puido saber a CIG-Saúde, houbo que desbloquear camas que estaban 'reservadas' a quirófanos programados e "aínda así permaneceron 8 ou máis doentes ingresados na urxencia". Como vén sendo habitual cada verán, as plantas do HULA comezaron o seu peche a día 1 de xullo cun programa de apertura planificado. En pleno mes de outubro, xa tiña que estar en funcionamento algunha unidade, como Paliativos, especialmente sensíbel, pero "coa que non houbo a máis mínima consideración e que permanece pechada".
"Como é habitual a dirección do noso centro hospitalario non ten en conta a dificultade dos e das profesionais para traballar nestas condicións, nin tampouco a dificultade que teñen para ofrecer a calidade asistencial que os/as usuarios merecen", critican. Fronte a isto, a CIG-Saúde demanda a apertura de todas as camas para garantir unha atención sanitaria adecuada e evitar a saturación das urxencias.