No Día de Acción global por un aborto legal, seguro e de balde, a CIG insta os gobernos a reformar a lexislación
Desde que no ano 1990, no V Encuentro Feminista Latinoamericano y del Caribe celebrado en Arxentina, se declarase o 28 de setembro como Día por el Derecho al Aborto de las Mujeres de América Latina y del Caribe, máis tarde coñecido como Día de Acción Global por un Aborto Legal e Seguro, feministas de todo o mundo reivindican o dereito ao aborto libre, seguro e gratuíto como un dereito fundamental das mulleres e aínda pendente de construción.
Actualmente, o aborto a petición das mulleres está permitido en 73 países, en 51 é posíbel realizalo para preservar a saúde das mulleres e en 13 por razóns económicas. Mais en 42 países aínda non é legal (agás cando se trate de salvar a vida das mulleres) e en 24 está totalmente prohibido.
A necesidade de atención da saúde para millóns de mulleres, nenas e doutras persoas que poden quedarse embarazadas é básica. En todo o mundo, un de cada catro embarazos remata en aborto (o 25%), polo que con independencia de que o aborto sexa ou non legal, as persoas precisan de servizos de atención ás IVE e poder acceder a elas sen risco.
Ante un novo 28 de setembro, a secretaria confederal das Mulleres da CIG, Margarida Corral, volveu demandar ao goberno do PSOE e PODEMOS a que reformen a actual lexislación para que, por fin, contemple o dereito das mulleres a interromper de xeito libre o seu embarazo na rede pública de saúde e con todas as garantías. E ao tempo, pídelle á Xunta de Galiza que poña en marcha as medidas que sexan precisas para garantir que en toda a rede pública sanitaria galega se realicen interrupcións voluntarias do embarazo; que se humanice e dote de medios e se garanta un parto respectado na sanidade pública, así como o acceso ás técnicas de reprodución asistida ás que desexen ser nais na rede pública de saúde.
A atención da saúde sexual e reprodutiva segue a ser deficitaria
De igual xeito, a CIG denuncia que a atención da saúde sexual e reprodutiva das mulleres é deficitaria, cuestión que se agravou en tempos de pandemia, pide que a información que reciban as mulleres previa á manifestación do seu consentimento non proveña de entidades antiabortistas, senón dos propios servizos de saúde; que se remate coa obxección de conciencia na sanidade pública; que se reforce o papel dos Centros de Orientación Familiar, en materia de educación afectiva e sexual, que se doten de persoal suficiente para atender a demanda de xeito que se desbloquee o colapso do servizo e que se remate coas listas de agarda, alén de esixir unha ampliación e desenvolvemento do Programa de Saúde da Muller en Galiza.
A educación afectiva e sexual é competencia das matronas de Primaria, que non a poden desenvolver por falta de tempo e cómpre lembrar que unha das competencias da Atención Primaria é o traballo na comunidade, que poderían facer en colaboración cos centros educativos.
A este respecto, Margarida Corral lembrou a tentativa do Partido Popular para recortar a insuficiente lexislación sobre interrupción voluntaria do embarazo que só se puido frear grazas ás mobilizacións e presións do movemento feminista. Aínda así, a lei aprobada polo PP supuxo introducir a obriga de contar co consentimento das/os proxenitoras/es para as menores de 18 anos, mais pola contra non contén nin unha soa medida dirixida a protexer as mulleres.
Garantir o dereito a tomar decisións autónomas e informadas
Corral reivindica unha vez máis "a necesidade e urxencia de garantir o noso dereito a tomar decisións autónomas e informadas e a acceder aos medios e métodos que aseguren a nosa saúde sexual e reprodutiva na nosa área sanitaria. Somos nós ás que nos compete elixir a nosa orientación e actividade sexual, sobre o número de fillas e fillos a ter e o seu intervalo. E temos dereito a non sufrir violencia ni tratos inhumanos ou degradantes no ámbito sexual e reprodutivo".
A central sindical esixe tamén que a educación sexual e reprodutiva, que debe ter en conta a diversidade afectivo/sexual, debe formar parte do currículo académico do ensino, xunto coa necesidade de realizar periodicamente campañas formativas e informativas sobre métodos anticonceptivos nos centros de ensino superior e universitario. E que se restitúa o dereito das mozas a elixir se queren interromper o seu embarazo, xa que só a elas lles compete esta decisión.
"As mulleres seguiremos loitando mentres non sexamos quen de acadar o dereito a decidir sobre os nosos corpos. Non imos deixar de loitar polo recoñecemento dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, de pular pola liberdade e autodeterminación en relación á nosa sexualidade e sobre a libre decisión da nosa maternidade. Esiximos ao goberno do Partido Popular na Galiza e ao goberno do PSOE e de PODEMOS no Estado que garantan os dereitos á cidadanía, tanto os civís, como os culturais, os sexuais e os reprodutivos", aseverou Corral.
Campaña da Marcha Mundial das Mulleres
A CIG, como parte integrante da Marcha Mundial das Mulleres, súmase á campaña que a organización feminista está a desenvolver e fai un chamamento a que as mulleres e outras persoas con capacidade de xestar cubran un cuestionario co fin de coñecer as súas experiencias e situacións que se atopan cando deciden interromper un embarazo.
Denuncian que na Galiza baixo lexislación española hai unha lei de prazos que debería garantir o acceso á interrupción do embarazo e aos dereitos sexuais e reprodutivos mais a realidade que viven as galegas é outra: non hai educación sexual e afectiva no ensino, desaparecen os programas de prevención e acceso a anticonceptivos, o SERGAS cada vez adía máis as citas xinecolóxicas, desmantelan os CIMM, os Centro de Orientación Familiar, os Centros Quérote +, Xunta e Concellos deixan de facer campañas informativas sobre reprodución e dereitos... até a información é escasa.
Por iso fan un chamamento a participar activamente nesta data de reivindicación internacional instando a todos os países do mundo a que garantan os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, e que as IVE sexan unha realidade para todas, con todas as garantías.