“A precariedade do traballo asalariado é propia do capitalismo, existiu sempre”
Adrián Sotelo, sociólogo e profesor do Centro de Estudios Latinoamericanos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM), estivo no noso país a comezos do verán para presentar O precariado. Unha nova clase social? No seu novo libro, publicado en galego pola Fundación Moncho Reboiras, o intelectual mexicano cuestiona as máis recentes teorías posmodernas e sistémicas que proclaman a fin do traballo, a negación da clase obreira e a súa substitución por un novo suxeito: o precariado.
Pode resumir a principal idea sobre a que xira o libro?
A preocupación central que expreso no libro é que actualmente existe unha corrente de opinión nas universidades, entre a intelectualidade -incluso de esquerdas-, entre os liberais e os conservadores, segundo a cal o proletariado, a clase obreira, xa non existe; e o que emerxeu foi un novo suxeito social, o precariado. Eu combato esta tese e intento responder a un autor que está moi en boga hoxe en día, o británico Guy Standing, que escribiu un libro que tivo moito éxito en todo o mundo: O precariado, a nova clase perigosa.
Haberá precariedade mentres unha clase social se apropie do traballo doutra
Neste libro desmonta todos os conceptos, preceptos, hipóteses e categorías emanadas da teoría do valor-traballo de Marx para falar deste novo suxeito, que el describe pero que non explica por que apareceu. Eu afirmo que o que temos é unha clase obreira, que é parte do proletariado global, que está en proceso de precarización, pero non existe un suxeito que se poida denominar precariado.
Porque o que verdadeiramente se globalizou nas décadas dos 80, 90 e 2000 foi o capitalismo, e con el o mundo do traballo. Hoxe en día o número de traballadores/as é maior que hai 25 ou 50 anos, e isto é así porque estamos nun sistema cuxa esencia segue a ser a relación entre o traballo e o capital. Con isto desmontamos todas as teorías que xurdiron nos 80 e 90 e que eu chamo <<da fin do traballo>>.
Estas sosteñen que o mundo do traballo deixou de ser a categoría central e que agora o son a tecnoloxía, o coñecemento, a ciencia ou a cibernética, de xeito abstracto, sen ningunha relación coa forza de traballo. E isto é así a pesar de que a maioría da humanidade ten que vender a súa forza de traballo nos mercados para sobrevivir, o que fai que hoxe teñamos unha maior cantidade de obreiros/as en todo o planeta.
A precarización sería algo novo entón?
A precariedade do traballo asalariado é propia do capitalismo, existiu sempre. Mentres existan explotados/as e explotadores/as, mentres unha clase social se apropie dunha parte excedentaria do traballo doutra, o traballo non pode ser non precario. A precariedade é conxénita ao traballo no capitalismo. O que é novo, tal e como sosteño no libro, é a precarización como proceso de actualización deste estado de precariedade, polo que podemos dicir que se trata da nova morfoloxía do mundo do traballo.
No contexto dun sistema baseado no consumo, que sentido ten esta estratexia global de precarización cando supón reducir a capacidade de poder adquisitivo da clase traballadora?
É contraditorio. Ao capital non lle interesa o consumo en si, o que lle interesa é gañar. Un capital individual ou social busca o máximo beneficio, a máxima ganancia. Como o consegue? Pois, contraditoriamente, reducindo os salarios. Ao facelo reduce os mercados internos, o que xera crises, que algúns/has chaman de sobreprodución de mercadorías.
Isto ten que facer que nos preguntemos a quen lle convén un sistema que non vende, que se contrae, que non produce tanta ganancia. Pois a ese 1% da poboación que é o depositario do capital ficticio, o que non crea valor nin riqueza e que se basea na especulación. O que está claro é que á maioría da humanidade non lle convén.
No libro sitúa a desmedida do valor como a orixe da actual crise...
O tema trátao Carlos Marx, e non é outra cousa que a relación entre o tempo de traballo socialmente necesario para a produción e reprodución da forza de traballo e a revolución científico-técnica. O que Marx proba é que o capitalismo tende a reducir cada vez máis a dimensión social do valor da forza do traballo para aumentar a outra dimensión, a do traballo que se vende non remunerado ou plusvalía, da que se apropia o capital.
Tamén é contraditorio, porque se por un lado aumenta o tempo de traballo non remunerado, ou plusvalía, ao reducirse o tempo de traballo socialmente necesario Marx supón un escenario onde o tempo de traballo, que é o que determina o valor das mercadorías, se volve unha base miserábel para a determinación do valor da riqueza global. Esta contradición supón ter un enorme arsenal de riqueza, pero sen valor.
A principal característica do actual modelo de capitalismo neoliberal é a destrución de dereitos
Por isto sostén que a revolución científico-técnica convértese en superflua para o capital, demostrando que no capitalismo, canto máis desenvolvemento tecnolóxico máis se reduce o tempo de traballo non remunerado, a plusvalía, o que termina por castigar a taxa de ganancia. Entón o capital o que fai é precarizar aínda máis as condicións de traballo.
Que mecanismos ten a patronal para aumentar o lucro?
O lucro está a aumentar ao concentrarse o capital de maneira brutal na esfera financeira. O problema do capitalismo non é tanto onde inviste, senón que inviste onde obtén beneficios. E o capital ficticio xera ganancias ficticias, que se conseguen especulando, e que non repercuten sobre a produción creando bens e servizos.
Isto provocou a crise actual, que moitos/as achacan ao estoupido da burbulla, aínda que o certo é que as crises son conxénitas ao sistema. Outro mecanismo para incrementar os beneficios é a precarización, reducir salarios e prestacións, abaratar o despedimento, reestruturar o mercado laboral para destruír dereitos históricos, como está a pasar moi claramente por exemplo en Francia e no Brasil.
Isto na esfera económica, porque na política os mecanismos que teñen son a apropiación de recursos en todo o planeta por parte dos imperialismos en boga, sobre todo os Estados Unidos de América; e por último a guerra, que é outro mecanismo que ten o sistema capitalista imperialista global non só para aumentar as súas ganancias senón tamén para garantir a súa supervivencia a nivel global, como estamos a ver en Siria, Ucraína, Venezuela, etc.
Que papel xogan os medios de comunicación de masas nesta estratexia?
Pois un papel fundamental. Algúns autores din que estamos na guerra de cuarta ou quinta xeración, nas que os medios de comunicación son fundamentais. Polo tanto, a esquerda realmente comprometida co cambio social e a preservación humana, así como os sindicatos progresistas e a clase traballadora, teñen que desenvolver medios alternativos.
Porque os medios occidentais, como por exemplo CNN ou CBC, son quen de derrocar gobernos, como estamos a ver en Venezuela. Existe unha terxiversación moi forte e unha intromisión na conciencia social, na psique da opinión pública, que é capaz de converter a falsidade en verdade e a verdade en falsidade.
O capitalismo está en declive, por iso sobre-explota para lograr máis beneficios
No mundo do traballo acontece o mesmo. Os medios presentan o precariado como unha nova figura que pode ser desprecarizada dentro do sistema, por exemplo mediante o emprendemento: métase vostede en internet e funde a súa propia empresa. E a xente acredita nisto, cre que pode cambiar a súa situación sen cambiar as relacións de produción e apropiación, pensa que portándose ben pode acceder a un estado mellor, cando a realidade é xustamente ao contrario.
Neste senso, que importancia ten a batalla de ideas no contexto da loita de clases?
Se non hai debate entre a propia esquerda e se este non chega ás organizacións de clase (populares, sociais, sindicais) e como se non sucedese nada. É necesario retomar esas discusións profundas, en primeiro lugar para ver que tipo de crise estamos a vivir. É preciso que entre todos/as caractericemos a escena contemporánea e o sistema de cambios. É practicamente vital, porque se non se fai o demais queda case como unha peza de museo.
Cara a onde pode desembocar todo este proceso actual?
Nunha entrevista recente Noam Chomsky chama a atención sobre o feito de que o señor Trump estea a piques de premer o botón nuclear. Isto fai que nos atopemos ante unha situación que é moi difícil de prever. Pero o que tamén di é que os cidadáns/as son os únicos/as que poden deter a posibilidade dunha guerra nuclear que tería consecuencias imprevisíbeis, até o punto que podería supoñer incluso a desaparición da humanidade. Onde el fala de cidadáns/ás eu falaría das clases traballadoras, que son as que teñen na súa man en primeiro lugar parar as fábricas nucleares e as fábricas de guerra, de armamento.
A clase traballadora é a única que pode evitar unha guerra nuclear
Polo tanto, a gran tarefa é que non se produza un conflito deste tipo, pero para isto é necesario que os pobos se organicen para demostrarse a si mesmos e ao mundo que a crise non é do neoliberalismo, senón que é unha crise do sistema capitalista, polo que nos atopamos nunha fase de transición cara a unha nova orde mundial. Penso que en breve ten que haber cambios tan drásticos que permitan transcender o capitalismo, que é o que está en crise, así como na Idade Media pasou co feudalismo, que non foi unha transición nin curta nin non violenta. Polo tanto, vexo un escenario moi complicado, pero coa intervención das forzas políticas e das clases sociais que están en contradición co capital pódese frear isto.
Que resposta ten que dar a clase traballadora á situación mundial e á súa propia situación?
O primeiro que ten que facer é xerar unha estratexia de loita que permita preservar o pouco que hai: que a xente teña para comer, para vivir, para non morrer de fame. E despois é necesario organizarnos por países, por bloques, por seccións. Penso que os procesos que están a suceder en Venezuela ou en Bolivia poderían culminar nunha nova forma de organización produtiva, social, cultural, ambiental e humana que nos permita transcender este estado de estancamento brutal do capitalismo e de crise en todas as ordes.
Precariedade vs precarización
"A precariedade é un substantivo, prototípico do mercado de traballo no capitalismo. E a precarización é un proceso histórico, pero tamén político porque depende de variábeis políticas para que se impoña. Despois da Segunda Guerra Mundial estendeuse o que algúns chamamos o paradigma do fordismo-taylorismo acompañado dun Estado keynesiano -que houbo quen denominou Estado do Benestar".
"Neste contexto, o traballo asalariado tiña máis dereitos, como saúde, vivenda, educación. Pero isto acabouse, deixou de ser a característica central do capitalismo posbélico, e está a xurdir un novo modelo que moitos/as chaman neoliberal, baseado no Estado mínimo, nun sistema económico privatizado, que funciona en base ás chamadas forzas do mercado, e no que os dereitos dos traballadores/as no plano laboral e social son constantemente destruídos".
"Esta é a nova gran cuestión social do século XXI: un estado de precarización monumental do mundo do traballo acompañado de crecentes taxas de sobreexplotación que implica un proceso no que o capital expropia parte do fondo de consumo dos traballadores/as para converter esa parte en novos procesos de acumulación".
"Isto é así porque o sistema capitalista está en declive, con taxas de crecemento cada vez menores, e porque se produce unha emigración masiva do capital da esfera produtiva aos bancos e á bolsa de valores, o que se pode chamar unha financiarización da economía mundial, que deposita a hexemonía política no capital ficticio e nas clases sociais posuidoras dese capital, que representan o 1% da humanidade".
"Fronte á contracción do sistema e á crise do plusvalor, o capital recorre cada vez máis a tomar os dereitos dos traballadores/as e a sobreexplotar a forza de traballo".