No Almacén de Lidl en Narón a conciliación da vida laboral e familiar, en suspenso
A CIG-Servizos de Ferrol continuará na loita para que o dereito a conciliar a vida familiar e laboral do persoal de Lidl Almacén en Narón sexa unha realidade. A empresa incumpre o recollido no Plan de Igualdade asinado en 2013 e conta coa complicidade de CCOO e UGT que, "ás agochadas da CIG e do persoal asinaron un acordo coa empresa posterior á sinatura do convenio e que non respecta o recollido no plan de igualdade previo".
Da existencia deste acordo, critica Rocío Doce, a CIG tivo coñecemento pola resolución da Inspección de Traballo en resposta a unha denuncia presentada contra a empresa por non respectar o dereito ás libranzas nun dos tres departamentos existentes na plataforma loxística de Narón.
"Desta volta, a inspectora derivounos a un acordo asinado polos sindicatos CCOO e UGT ás agochadas da CIG e do persoal (xa que se realizaron unhas votacións nas que quedou de manifesto que a ampla maioría das compañeiras e compañeiros votaron que non), posterior á sinatura do convenio de empresa do ano 2016, que ademais contradice todo o asinado no Plan de Igualdade, e do que tivemos coñecemento na resolución da Inspección de Traballo", denuncia.
Dereito a librar dúas fins de semana ao mes
A Secretaria de Organización da CIG-Servizos Ferrol explica que no ano 2013 foi asinado o Plan de Igualdade entre a empresa e a representación sindical, no que se recollía, entre outros dereitos, a libranza de dúas fins de semana ao mes, co obxecto de garantir a conciliación da vida laboral e familiar dos traballadores e traballadoras. Porén, este dereito nunca chegou a implementarse nun dos tres departamentos existentes.
Esta situación foi denunciada no seu momento diante da autoridade laboral, "quen nos deu a razón á parte social. Pero Lidl continuou sen aplicar as libranzas, o que motivou unha segunda denuncia na Inspección de Traballo". É precisamente na resolución desta denuncia onde se fai referencia ao mencionado acordo, cuxa existencia a central sindical descoñecía.
Sen avinza no SMAC
Á vista de que a empresa segue sen aplicar o Plan de Igualdade e despois de varias conversas entre o Comité e a dirección, sen lograr ningún compromiso, a CIG-Servizos decidiu iniciar a vía xurídica. Este venres celebrouse acto de conciliación no SMAC de Ferrol, rematando sen avinza.
"Desde a CIG-Servizos rexeitamos a actitude da empresa, e seguiremos loitando para defender o dereito das compañeiras e compañeiros de Lidl Almacén a conciliar a súa vida laboral e familiar, para o que tomares todas a medidas que sexan precisas", conclúe.