Nin eliminación da taxa de reposición, nin incremento salarial para frear a perda de poder adquisitivo
Nunha reunión da Mesa Xeral das Administracións Públicas do Estado por videoconferencia con presenza das organizacións sindicais CIG, ELA, CSIF, UGT e CCOO, así como representantes de todas as administracións autonómicas e da FEMP, o Secretario de Estado do Ministerio de Política Territorial e Función Pública presentou, tan só unhas horas antes da reunión do Consello de Ministros e cando xa as dera a coñecer á prensa, as novidades que se incorporarán no proxecto de Lei de Orzamentos do Estado para 2021 a respecto dos e das empregadas públicas.
A confirmación da suba do 0,9% das retribucións así como pequenos cambios nos permisos regulados no EBEP ou o mantemento da taxa de reposición, sen ter enviado até agora ningún documento, foron as únicas novidades dunha reunión que foi abertamente criticada pola representación da CIG.
A reunión foi, por tanto, a demostración de que tamén a capacidade de negociar do actual goberno español está confinada. A perda de poder retributivo desde o ano 2010 mantense, malia a existencia nestes últimos anos dun acordo que foi vendido polos sindicatos asinantes como unha oportunidade para “recuperar o arrebatado”. A suba do 0,9%, que nin sequera inclúe claúsula de garantía salarial, non servirá tampouco desta volta para camiñar nesa recuperación da perda de poder adquisitivo, que a día de hoxe rolda xa o 10%.
Por iso a Área Pública da CIG demandou un maior esforzo retributivo que venza as limitacións de tantos anos de recortes e do fracaso do pacto sindical co anterior goberno do PP.
Preocupación polo aplicación de acordos retributivos e carreiras profesionais no ámbito da Xunta
A central sindical foi a única que propuxo que a suba retributiva do 0,9% imposta polo goberno español non tivese carácter básico e que non limitase a posibilidade de aplicar outras subas retributivas pendentes nas diferentes administracións. Así, no ámbito galego, está pendente a carreira profesional no SERGAS e na Administración Xeral da Xunta e o último prazo do mal chamado acordo retributivo de homologación do profesorado; o mesmo sucede en varios acordos das administracións locais galegas. “Se a suba do 0,9% se impón como un tope e non se dá cobertura legal á consecución dos obxectivos deses acordos ou carreiras pactadas, os incrementos pendentes serían eliminados”. Porén, o Secretariado de Estado non deu resposta á nosa demanda.
Mantéñense as taxas de reposición
Malia a situación actual, con altas taxas de temporalidade, e unha vez que remata a vixencia do actual acordo sindical dos sindicatos estatais CCOO, UGT e CSIF, no que aceptaron o mantemento de distintas taxas de reposición até o ano 2020, o Goberno propón que a taxa se manteña durante o 2021 con lixeiros cambios.
Sorprendentemente, os mesmos sindicatos que deron o visto bo á situación actual co acordo co PP, demandan agora que se elimine o que eles apoiaron no IIº Acordo para o emprego público e condicións de traballo 2018-2020, sumándose á demanda que a CIG ven mantendo en solitario nos últimos anos de que se elimine calquera taxa de reposición (ou cando menos o seu carácter de normativa básica). “Iso si, sen ningún rubor nin autocrítica polo pactado no 2018”.
A proposta do Goberno é unha taxa do 110% no caso de sectores prioritarios (educación, sanidade, universidade, xustiza, ciencia…). Só se poderían convocar 110 prazas de oposicións por cada 100 xubilacións. Esta mesma porcentaxe se aplicaría a concellos coa débeda amortizada. Noutros sectores (administración xeral) a taxa sería do 100% ou mesmo do 115% no caso das forzas e corpos de seguridade.
A CIG reclamou a eliminación da taxa de reposición e lembrou que impoñer taxas desde o goberno central implica eliminar a capacidade das administracións autonómicas ou locais para crear emprego neto ou aprobar ofertas de emprego amplas, que dean resposta á alta taxa de temporalidade.
O propio Secretario de Estado recoñeceu unha taxa media superior ao 24% no conxunto do Estado, acusando ás CC.AA. de ser as responsables de manter esas cifras tan elevadas, ao tempo que se nega a eliminar o carácter básico das taxas de reposición. Cabe lembrar novamente que até o ano 2010 as taxas de reposición non existían en ámbitos como a educación ou a sanidade.
A CIG demandou tamén a derrogación da normativa limitativa de dereitos
A CIG demandou tamén a derrogación dos Reais Decretos-Ley que se foron impoñendo ao persoal das administracións públicas dende o ano 2010 polos sucesivos gobernos do PSOE e do PP, a saber: RD-Ley 8/2010, RD-Ley 20/2011, e RD-Ley 20/2012, polos que se adoptaron medidas extraordinarias para a redución do déficit público, que implicaron a supresión de importantes dereitos laborais e salariais arrebatados ás persoas empregadas públicas neste período co pretexto da crise, pero unha vez máis os representantes do Goberno deron a calada por resposta.